Temas: A CORUñA 112

Falece un dos dous traballadores feridos ao caer un andamio na Coruña

O Concello da Coruña informou de que o seu departamento de Urbanismo comprobou que a empresa que realizaba as obras no edificio da Coruña no que caeu unha estada, Remifer S.L., tiña "todos os papeis en regra".

Por E.P. | A CORUÑA | 02/09/2019 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

Un dos dous traballadores feridos de gravidade ao caer este luns ao mediodía un andamio na Coruña faleceu esta tarde, segundo informaron a Europa Press fontes hospitalarias. O outro, con iniciais R.T., de 33 anos, atópase ingresado na UCI e o seu prognóstico é grave.

Ao redor das 14,30 horas, o 112 recibiu varias chamadas alertando da caída dunha estada e que había persoas atrapadas. Tamén desde o Corpo de Bombeiros confirmaron o suceso e que se desprazaron ao lugar dúas dotacións de bombeiros.

Ao lugar, trasladouse tamén a Policía Local, que procedeu ao corte do tráfico na zona, e servizos sanitarios. Os efectivos municipais precisaron que había catro obreiros subidos ao andamio e que houbo "atrapados" ao caer a instalación, "ningún" xa nesa situación aproximadamente unha hora despois do suceso. A caída da estada provocou tamén unha fuga de gas.

Sobre as persoas atrapadas, a Policía Local explicou que foron rescatadas e que había "varios feridos de gravidade". Pola súa banda, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) confirmou que foran trasladados a este centro dous feridos.

Con traumatismo cranioencefálico e diversos golpes e contusións, un dos dous traballadores faleceu. No caso do outro obreiro, permanece ingresado na UCI con prognóstico grave.

Camión de bombeiros
Camión de bombeiros | Fonte: Consorcio Provincial de Bombeiros de Ourense

A EMPRESA TEN OS PAPEIS EN REGRA 

O Concello da Coruña informou de que o seu departamento de Urbanismo comprobou que a empresa que realizaba as obras no edificio da Coruña no que caeu unha estada, Remifer S.L., tiña "todos os papeis en regra".

Así o destacou nun comunicado remitido aos medios, no que lamenta o falecemento dun dos dous traballadores, R.C.T.L. de 42 anos, desta empresa situada no Polígono Industrial de Bertoa. Pola súa banda, o seu compañeiro R.T.M, de 33 anos, permanece ferido.

O Consistorio herculino detalla que tras recibir o aviso do 112 ás 14,31 horas, activouse un operativo no que participaron 13 efectivos do parque de Bombeiros, seis axentes, dúas ambulancias, así como o Corpo Nacional da Policía.

Unha vez no punto, os participantes no operativo informaron de que debido ao risco de que se esborrallase a guía da estada que quedaba en pé, procederon a evacuar de urxencia ao primeiro dos traballadores R.C.T.L, que se atopaba na beirarrúa pegada á fachada, fóra da estada e que foi atendido polo persoal sanitario.

Pola súa banda, ao outro traballador, R.T.M., que estaba no medio dos ferros, procederon a liberarlle as pernas para evacualo en padiola ríxida, onde foi tratado pola outra ambulancia medicalizada desprazada na zona.

Así mesmo, outra dotación de bombeiros tivo que encargarse dun escape de gas nas tubaxes que había instaladas nesta fachada. Así, procedeuse ao corte da chave de paso ao edificio e comprobouse que non había fuga. Ademais, un técnico da compañía fíxose cargo do corte do servizo, que afectou a 36 vivendas do inmoble. Por último, o Concello informou de que se balizó a zona para evitar riscos ante a posible caída do resto da estada, e esperouse a que a policía xudicial autorizase a súa retirada.

Temas: A CORUñA 112
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta