Temas: FRASEOLOXíA

“Nin tanto alá nin tanto acá” ou “nin arre que escapes nin xo que te deites”, equivalentes, entre outras, a “ni tanto ni tan calvo”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 08/09/2019 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

Naqueles contextos ou circunstancias en que queremos dar a entender que algo require un punto ou posición intermedios entre dous que xa se coñecen, na medida en que un peca por defecto e outro por exceso, adoitamos usar moitas veces a expresión nin tanto nin tan calvo. Sen nos metermos, coma decote, na cuestión de se debería ou non formar parte do elenco normativo galego (inda que, cando menos pola documentación que nós manexamos, a primeira impresión é que se trata dunha expresión de novo cuño, se cadra calco da correspondente castelá), imos fornecer a seguir varios xeitos de dicir propios que achegan ese mesmo contido. Imos alá, pois:

Burro e poldro
Burro e poldro

Ni tanto ni tan calvo (que se le vean los sesos)

{= Expresión con que se indica que algo require un punto ou posición intermedios entre dous que xa se coñecen, na medida en que un deles peca por exceso e o outro por defecto.}

Nin tanto alá nin tanto acá && Nin tanto acá nin tanto alá

Nin moito alá nin moito acá && Nin moito acá nin moito alá

Nin tanto aló nin tanto acó && Nin tanto acó nin tanto aló

Nin moito aló nin moito acó && Nin moito acó nin moito aló

Nin tanto ó mar nin tanto á terra

Nin arre que escapes nin xo que te deites

[E TAMÉN]:

Nin tan monte nin tan ponte

Ex.: —Al principio le ofrecí cinco mil euros, que era un muy buen precio para ese coche tal y como estaba, y no aceptó... ¡Y ahora, después de medio año que no ha conseguido venderlo ni por la mitad, me lo ofrece por dos mil quinientos! ¡Pues ahora que se joda, que no le doy más de mil! —Bueno, hombre: ni tanto ni tan calvo. Ofrécele algo más y llegad a un acuerdo, que seguro que os conviene a los dos.

—En primeiro ofrecinlle cinco mil euros, que era moi bo prezo para ese coche tal e como estaba, e non mos quixo... ¡E agora, despois de medio ano que non foi quen de o vender nin pola metade, rógamo por dous mil quiñentos! ¡Pois agora que se foda, que non lle dou máis de mil! —Bueno, home: nin tanto alá nin tanto acá nin tanto acá nin tanto alá nin moito aló nin moito acó nin tanto ó mar nin tanto á terra nin arre que escapes nin xo que te deites nin tan monte nin tan ponte. Ofrécelle algo máis e chegade a trato, que seguro que vos convén ós dous.

Ex.: —La temporada pasada casi bajamos, pero con los nuevos fichajes, este año aspiramos incluso a la liga. —Ni tanto ni tan calvo, colega, que con no sufrir para mantenernos en primera ya me conformo.

—A temporada pasada estivemos a piques de baixar, pero coas novas fichaxes, este ano aspiramos incluso á liga. —Nin tanto alá nin tanto acá Nin tanto acá nin tanto alá Nin moito aló nin moito acó Nin tanto ó mar nin tanto á terra Nin arre que escapes nin xo que te deites Nin tan monte nin tan ponte, meu home, que con non sufrir para nos mantermos en primeira eu xa me conformo.

● Tamén:

Ni tanto nin tan poco # tan corto

Nin tanto nin tan pouco # tan curto

Ex.: (...) —Bueno, home: nin tanto nin tan pouco nin tanto nin tan curto. Ofrécelle algo máis e chegade a trato, que seguro que vos convén ós dous.

Ex.: (...) —Nin tanto nin tan pouco Nin tanto nin tan curto, meu home, que con non sufrir para nos mantermos en primeira eu xa me conformo.

● E mesmo tamén:

Ni (h)arre que trote ni so que se pare && Ni jo tan corto ni arre tan largo && Ni tan aprisa que te mates ni tan despacio que no andes

Nin tanto xo que pare nin tanto arre que escape # nin tanto arre que fuxa # nin tanto xerte que fuxa && Nin tanto arre que fuxa nin tanto xo que pare # nin tanto xo que se deite && Nin tanto xo que pare nin tanto arre que fuxa && Nin tanto arre que corra nin tanto xo que pare && Nin tanto arre que escape nin tanto xo que se deite && Nin moito arre que fuxa nin moito xo que se deite && Nin tanto que fuxa nin tan pouco que se deite && Nin xo que pare nin arre que fuxa

● E mais:

Entre o correr e o parar hai o camiñar

Ex.: (...) —Bueno, home: entre o correr e o parar hai o camiñar. Ofrécelle algo máis e chegade a trato, que seguro que vos convén ós dous.

Ex.: (...) —Entre o correr e o parar hai o camiñar, que con non sufrir para nos mantermos en primeira eu xa me conformo.

● E inda tamén, dun xeito un tanto máis xocoso, pándego ou carallán (e se cadra como calco do castelán):

Ni tanto ni tan poco, señor alcalde loco

Nin tanto nin tan pouco, señor alcalde louco

NOTAS:

1. Inda que en castelán a expresión máis usada hoxe en día é a que reflectimos no artigo, tamén son susceptibles de empregar outras paremias que veñen a indicar o mesmo contido, coma as seguintes:

Ni tan calvo ni con siete pelucas && Ni calvo ni (con) tres pelucas && Ni tan peludo que le tape el pelo los ojos ni tan calvo que se le vean los sesos && Ni tanto pelo que no te entre el sombrero ni tan poco que se te vean los sesos

2. En relación co emprego no primeiro dos exemplos do elemento ilativo ou de apoio no discurso bueno, a xustificación do seu uso pódese ver no artigo cada moucho ó seu souto.

3. Polo que atinxe á voz xerte, presente na paremia nin tanto xo que pare nin tanto xerte que fuxa, atopámolo rexistrada nalgunha fonte lexicográfica e obra literaria como forma interxectiva usada para indicarlle a alguén que marche ou lisque.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Losada Álvarez, Ramón & Fernández Pampín, Vanesa: “Falares de Boqueixón”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 151-213. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta