A xuízo 82 ultras do Atlético e Deportivo pola pelexa na que morreu Jimmy, pero sen acusados polo asasinato

O fiscal pide penas de entre noves meses e dous anos e medio de cárcere.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 03/09/2019 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

O xuíz abriu xuízo contra 82 ultras por presuntamente participar na multitudinaria liorta na que faleceu o seareiro do Deportivo da Coruña Francisco Javier Romero, Jimmy, nos arredores do Vicente Calderón en 2014, para os que o fiscal pide penas de ata dous anos e medio de prisión.

Pancarta dos 'Riazor Blues' en lembranza de Jimmy.
Pancarta dos 'Riazor Blues' en lembranza de Jimmy. | Fonte: lfp.es

Nun auto, datado o 2 de setembro e ao que tivo acceso Efe, o titular do Xulgado de Instrución número 20 de Madrid acorda levar a xuízo os acusados por delitos de rifa tumultuaria, tenencia ilícita de armas e atentado en concurso con lesións. Trátase da peza principal, referente unicamente á disputa, e non a investigación da morte de Jimmy, que formaba parte dunha peza separada e que se pechou o pasado xuño sen culpables, á espera de que se pronuncie a Audiencia de Madrid.

Todos os acusados atópanse en liberdade provisoria á espera de que os Xulgados do Penal de Madrid fixen data para a vista oral que, segundo fontes consultadas por Efe, podería celebrarse na primavera de 2020.

A Fiscalía impútalles a todos os ultras, pertencentes ao Frente Atlético e os Riazor Blues, un delito de rifa tumultuaria coa agravante de discriminación ideolóxica, polo que pide entre un ano e nove meses de prisión, ademais da prohibición de acceder a recintos deportivos durante a condena.

A catro deles engádelles ano e medio por tenencia ilícita de armas, mentres que a dúas máis lles reclama ano e dez meses de cárcere por lesións e atentado. En global, as penas da Fiscalía oscilan entre os 9 meses de prisión aos dous anos e medio de cárcere.

Pola súa banda, a liga de Fútbol Profesional (LFP) que exerce a acusación popular, pide entre un a tres anos e medio de cárcere, aínda que precisa que as penas por algúns delitos poderían ser substituídas por multas que oscilan entre os 72.000 e 117.000 euros.

O escrito da fiscal sinala que o 30 de novembro de 2014 seareiros do Frente Atlético e Riazor Blues, con ideoloxías políticas contrarias —de extrema dereita os primeiros e de extrema esquerda os segundos—, "convocáronse nas redes sociais" para acudir ás 09.00 horas ás inmediacións do estadio coa "única motivación de demostrar ao outro grupo a primacía do seu equipo e da ideoloxía coa que se identifica".

Alí, os acusados "acometéronse reciprocamente" de "forma violenta, confusa, aleatoria e  tumultuariamente" actuando "en todo momento en grupo" e "portando algúns deles armas prohibidas e instrumentos perigosos como paus de madeira, de aluminio, porras, bates de  béisbol, navallas, mosquetóns, defensas extensibles", un "extremo coñecido e aceptado por todos os participantes".

Moitos dos acusados resultaron feridos así como varios policías naquela pelexa na que faleceu Jimmy, sen que ata a data se detivese aos autos materiais da súa morte. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta