Feijóo achaca a suba do paro en Galicia ao Goberno central en funcións

O PPdeG di que o "efecto Sánchez lastra xa a economía".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2019 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este martes do "impacto na desaceleración da economía española" que, ao seu xuízo, empeza a ter o feito de que en España haxa "un Goberno que está en funcións e que non funciona".

Oficina de emprego.
Oficina de emprego.

Feijóo lamentou os datos do paro no mes de agosto que "acreditan no ámbito das afiliacións que é o peor mes de agosto desde o ano 2008".

O presidente galego relacionou estas cifras de desemprego coa "falta de goberno, a falta de estabilidade, a falta de horizonte político" que, segundo sinalou, "diminúen as posibilidades de investimento en España".

Para Feijóo, "lamentablemente" estase constatando "un freo en crecemento da economía española e, en consecuencia, un freo á creación de emprego".

Así mesmo, destacou que Galicia segue sendo a segunda comunidade "onde máis baixou o paro no que vai do ano 2019" e, no que se refire ás afiliacións á Seguridade Social, "Galicia este mes de agosto tivo un bo comportamento en relación ao mal comportamento que tivo España".

"Pensemos en España e deixemos de pensar en protagonismos ou en currículos de persoas concretas", resolveu.

"EFECTO SÁNCHEZ"

Na mesma liña, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, destacou tamén que Galicia é "a segunda comunidade" co "mellor dato interanual", pero lamentou que "o efecto Sánchez" xa empezou a "lastrar" a economía.

"A inestabilidade política que trouxo o presidente socialista ten reflexo no emprego", aseverou Tellado, antes de incidir en que as "incertezas" do Executivo se reflicten, sobre todo, na Coruña pola "falta de carga de traballo" en Navantia Ferrol e pola "errática política enerxética" do PSOE.

Finalmente, subliñou que a Xunta está "comprometida" coa "mellora da empregabilidade" de todos os galegos coa mirada posta, especialmente, "nos colectivos con maiores dificultades".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta