Essure, o anticonceptivo sen estudos previos que xa deixou secuelas a 1.300 galegas

O Essure é un sistema anticonceptivo do que se descubriron unha serie de efectos secundarios negativos. En Galicia, a máis de cen afectadas xa lles retiraron o dispositivo logo de presentaren cadros alérxicos, problemas internos no aparato reproductivo e algunhas quedarán con secuelas de por vida.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O obxectivo do Essure era dobre, obstruir as trompas de Falopio para que os óvulos non chegasen ao útero para seren fecundados. Foi deseñado e fabricado por Conceptus, unha empresa norteamericana logo mercada pola alemá Bayer. A vantaxe era que non facía falta intervención cirúrxica. Desta maneira aforraríase tempo, recursos e persoal en operacións.

Cirurxía nun quirófano
Cirurxía nun quirófano

As alarmas saltaron en 2012 en Estados Unidos primeiro, logo foron aparecendo máis casos en Europa. En España as mulleres implantadas co dispositivo de Bayer son 80.000 e en Galicia 1.300 en total. A Asociación de Afectadas do Essure de Galicia, Asafessgal, comezou en 2016 unha campaña de reivindicacións para a retirada deste anticonceptivo e que o Sergas asumise a súa responsabilidade ademais de que crease un protocolo sobre a implantación do Essure que non existiu ata finais de 2018.

CASOS

Sabela Landín é membro de Asafessgal. Ela tamén se viu afectda polo Essure logo de serlle implantado. Agora mesmo ten asma crónica e presenta outros cadros clínicos orixinados pola reacción do seu corpo aos compoñentes do Essure. A asociación creuse logo de iren dando “con diferentes casos polas redes sociais, sobre todo por unha alarma que se estaba dando noutros países, sobre todo en Estados Unidos, onde comezou no ano 2012”.

Os primeiros casos en España datan de 2016, sobre todo pola zona de Córdoba. “En Galicia somos 1.300 mulleres implantadas co Essure, un anticonceptivo que estaba estudado para mulleres que xa tiñan sido nais a partir dos 32 anos ata os 45”. Ademais disto, este dispositivo tamén tiña aplicacións como combater a hidrosalpinx, unha doenza da trompa de Falopio que impide o embarazo. “Sabemos de casos de mulleres en tratamento de fertilidade e para evitaren esta doenza, implantáronlles o Essure”.

Colocación do dispositivo Essure
Colocación do dispositivo Essure | Fonte: Wikipedia

Segundo Asafessgal, un 80% das mulleres implantadas buscaban un método definitivo de anticoncepción. “A maioría de nós queríamos facer a ligadura de trompas, mais para isto teñen que levarte ao quirófano, en vez diso aplicaron o Essure” di Sabela Landín, que apunta ademais: “non se fixeron todos  os estudos pertinentes e a maioría dos implantes fixéronse sen ter en conta se as portadoras eran idóneas para esta intervención ou non”.

Normalmente, a Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios fai un seguemento do medicamento ou tratamento para ter un estudo e así formular ou ben guías ou protocolos. Estes documentos serven para coñecer efectos secundarios, posibles alerxias ou persoas a quen non lle deberan subministrar un determinado tratamento. O Ministerio de Sanidad si elaborara unha “Guía de Actuación ante una Paciente Portadora del Dispositivo Essure”. “Unha guía, é dicir, unha recomendación que queres podes seguila ou non” di Sabela Landín.

O Servizo Galego de Saude, Sergas, indica que “é a Axencia Española do Medicamento quen emite as alertas ou notas de seguridade de calquera medicamento e producto sanitario comercializado en España. Calquera relación causal (causa-efecto) segue un proceso de investigación da evidencia científica por parte das Axencias Estatais e Europea”.

Entre as primeiras recomendacións estaba “seguir as alerxias das receptoras, as doenzas que puideran ter, intolerancias aos metais, asmáticas e outras problemáticas como endometrioses que tampouco son boas para recibir o dispositivo”. “O aparato está composto, por níquel, ouro e prata, metais pesados que desenvolven alerxia aos metais, o cadro máis forte que presentamos” di Landín..


ESTUDOS NON FEITOS

Por que non se fixeron estes seguementos? De momento o único que se ten son especulacións. Mais o que si é certo é que a elaboración de protocolos sanitarios para medicamentos é competencia autonómica. Así a Consellería de Sanidade, en concreto o Sergas, debera ter xa feito un documento sobre o Essure. “Eles son os que teñen que facer a recomendación e fano cando salta a alerta, en xullo de 2018, desde o Ministerio de Sanidade emiten unha guía das posibles reaccións que poden desenvolver as mulleres co Essure implantado” sinala Landín.

A creación do protocolo para o Essure tivo un camiño que percorreu diferentes administracións. Primeiramente, "presentei unha moción no concello do Porriño para que se trasladara directamente ao Parlamento” explica Sabela Landín.  Logo, pasaron máis de seis meses ata que o Sergas decide atender as reclamacións das afectadas. Sabela Landín indica que “non nos fixeron fixeron caso ata que en comisión de sanidade os grupos de En Marea e PSOE presentaron esta moción. Querían saber que pasaba coa alerta e as 1.300 mulleres”.

“Elas tiveron reunións co Sergas, mais non tiveron o eco que pedían para as súas reivindicacións, consideraban que non houbo a sensibilidade necesaria e que o Sergas evitaba afrontar esta situación” di Julio Torrado, deputado do PSdeG-PSOE no Parlamento galego. Dito protocolo foi tomando corpo logo de tres reunións co Sergas en maio, setembro e outubro de 2018. Daquela as alertas en Europa xa se estaban dando agás en Alemania, país onde non foi comercializado por Bayer, curiosamente, empresa alemá.

Durante as reunións co Sergas “atendeunos o señor Campa, que actuou ben, o caso é que o fan baixo presión”. Aínda así, Sabela Landín lembra que “para conseguir que aprobaran o protocolo e o subisen á web do Sergas, foi despois de saír nun informativo de CRTVE  en Galicia”. Xusto “cando estabamos gravando a entrevista, envían un email dicindo que estaba aprobado. Antes sempre había un cargo que non quería asinar o documento”.

“A nós o que nos chamou a atención foi a situación de abandono e atrapadas nunha situación da que ninguén quería facerse cargo” sinala Julio Torrado. “Iso sorprendeunos e queriamos coñecer as causas deste comportamento e se había influencias por parte do fabricante do dispositivo para evitar polémicas e protestas que puideran derivar en cousas maiores”.

“Non sabemos porque non se asinaba o protocolo, o que si sabemos é que nese tempo se cambiara a póliza de seguros do Sergas”. Cando se fai unha reclamación, o Sergas ten que indemnizar e pagar en caso de haber danos tras unha intervención. “Sei que nesas datas se cambiou a póliza de seguro, cando se asinou o documento” asebera Landín. Tamén recorda que “unha afectada de Coruña foi ao xinecólogo e lle dixo que o protocolo era un documento político, que non servía para nada, e que ela vería se se metía nunha operación con risco para a súa vida”.

En tal caso, desde o Sergas responden que “ Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en dispor dun protocolo de actuación. Comezouse a traballar nel en maio de 2018, designando un grupo de traballo multidisciplinar; o día 4 outbro de 2018, nunha reunión mantida coas representantes da asociación galega de afectadas, se presentou o protocolo elaborado para recoller as inquedanzas, observacións e comentarios das afectadas. O protocolo xa se estaba aplicando dende ese mesmo mes no ámbito do Servizo Galego de Saúde”.

Sobre a cuestión do seguro, a resposta do Sergas é “como en calquera Administración Pública, na Consellería de Sanidade existe un procemento regulado denominado “Procedemento de Responsabilidade Patrinomial” que instrúe a inspección de servizos sanitarios (inspección médica) para dar resposta a calquera indemnización que se demande por un usuario/a do Sergas”.


CONFUSIÓN E PRAXES ESTRAÑAS

Os médicos dicían que estabamos ou ansiolíticas ou menopáusicas, daba igual que tiveras 30 anos ou 50, tiveses o período ou non” di Landín. Moitos deses profesionais “foron os que o recomendaron”. As caixas do Essure tiñan tres dispositivos “a ti implantábanche dous e quedaba outro”. Desta maneira dúas caixas poden dar para tres implantes. “Moitas destas mulleres teñen unha tarxeta co número de referencia de fabricación e número de lote “ sinala Sabela Landín “eu non teño iso, teño dúas pegatinas, o que quere dicir que os meus Essures son de dous lotes distintos”.

Julio Torrado sinala que “o fabricante recoñecera que houbera erros no dispositivo e de maneira un tanto velada, porque as grandes marcas custa que recoñezan erros”. Non obstante, Torrado sinala de maneira tácita que “tanto pola presión que fixeron as mulleres da asociación, desde o noso grupo parlamentario na comisión de sanidade, desde os medios, o Sergas recoñeceu que deberan ter actuado moito antes”.

O protocolo foi reclamado sobre todo para que os xinecólogos non “nos dixeran que o Essure non dá problemas, é outra sintomatoloxía, todo era depresión e ansiedade, tiñamos todo tipo de sintomatoloxías, e de súpeto desaparecían cando che retiraban o anticonceptivo”. Logo dun ano de terlle retirado o Essure, Landín segue con ansiedade, depresión e insomnio. “O máis poderoso era o sentimento de impotencia no Sergas, porque din que non fai falla estudos,cando no protocolo din que aos tres meses de implantar deben facerche unha valoración”.

“Outra cousa é que o protocolo se aplique correctamente porque ás veces o Sergas non pon todos os medios para desenvolvelos ou desatende as indicacións” sinala Torrado. O Sergas “está chegando tarde como órgano de xestión, así ás veces vai detrás das realidades”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta