Gonzalo Caballero critica que Feijóo "sae a defender" a Aguirre e Cifuentes, as "madriñas políticas de Casado"

"Merecemos un presidente da Xunta que estea ao lado da limpeza e da exemplaridade cando hai sospeitas de que se desviaron tres millóns de euros da sanidade pública cara á 'caixa b' do PP", asegurou o xefe de filas dos socialistas galegos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2019 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou as declaracións nas que o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, "sae a defender" ás expresidentas da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes e Esperanza Aguirre, as "madriñas políticas de Pablo Casado".

Despois de que transcendese que ambas están a ser investigadas polo financiamento irregular do PP e de que Feijóo asegurase non crer que "estas persoas se levasen un euro á súa casa", Gonzalo Caballero considerou que Feijóo as "sae a defender" porque "está afeito a vivir nun Partido Popular que estivo afectado pola corrupción" e que "non asumiu ningún tipo de responsabilidade".

"Merecemos un presidente da Xunta que estea ao lado da limpeza e da exemplaridade cando hai sospeitas de que se desviaron tres millóns de euros da sanidade pública cara á 'caixa b' do PP", asegurou o xefe de filas dos socialistas galegos, que incidiu en que os xuíces que investigan a Operación Púnica outorgan a Aguirre un "papel decisivo e fundamental" no "financiamento ilegal do PP".

Por iso, engadiu o dirixente socialista, Feijóo ten que "rectificar", máxime cando "os xuíces seguen investigando a corrupción estrutural do PP" e que xa se sentenciou no caso da Gürtel. "O PP non ten un compromiso claro coa ejemplaridad e coa loita contra a corrupción", lamentou Caballero.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fala co presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, no acto de presentación de medidas do PSOE en Madrid. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fala co presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, no acto de presentación de medidas do PSOE en Madrid. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta