Comeza o curso escolar en escolas infantís de titularidade pública coa obrigación de estar os nenos vacinados

No presente curso 2019-2020, Galicia pon á disposición das familias máis de 25.000 prazas sostidas con fondos públicos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2019 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou este mércores en Ames (A Coruña) a escola infantil de Bertamiráns, coincidindo co inicio do novo curso escolar nos centros pertencentes á rede pública autonómica, que abren as súas portas cun total 8.461 nenos e nenas de 0 a 3 anos admitidos, 201 máis que o curso anterior.

Estes nenos estrean, á súa vez, o novo requisito instaurado pola Xunta este curso para obter unha praza nun centro público neste grupo de idade, a obrigatoriedade de ter a cartilla de vacinación ao día.

Neste sentido, Fabiola García destacou que este novo requisito foi "plenamente asumido polas familias e comprendido pola sociedade galega", algo que evidencia o feito de que a totalidade de pais que solicitaron praza teñen aos seus fillos correctamente vacinados.

Por provincias, as escolas infantís públicas acollerán este curso a 3.479 menores da Coruña, 3.168 de Pontevedra, 911 de Lugo e 903 de Ourense. Así mesmo, resérvanse 497 prazas para emerxencias e o número de vacantes ascende a 1.187.

No presente curso 2019-2020, Galicia pon á disposición das familias máis de 25.000 prazas sostidas con fondos públicos. Este ano abrirá a nova escola infantil de Vilaxoán, no Concello de Vilagarcía de Arousa, e tamén se incrementa unha unidade nas escolas infantís de Cedeira, Pontenceso e Lalín-Pontiñas e dúas unidades na escola infantil de Arzúa, informou a Xunta.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita unha escola infantil.. XUNTA
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita unha escola infantil.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta