Feijóo advirte de que Galicia podería quedar sen novos orzamentos se hai eleccións xerais

Di que con comicios novembro, as Cortes non estarían "operativas" para liquidar o financiamento e as tesourarías autonómicas "colapsarían".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/09/2019 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o seu Executivo traballa neste momento coa "hipótese" de presentar os orzamentos autonómicos para 2020 en tempo e forma, pero admitiu que a continuidade do "bloqueo" estatal ou que se repitan eleccións xerais en novembro podería "impedir" que haxa novas contas galegas.

Alberto Núñez Feijóo
Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Europa Press

Neste sentido, explicou que o seu Goberno agardará ata o 23 de setembro —momento ata o que continuará traballando na confección dos próximos orzamentos— e, neste punto, tomará unha decisión que fará pública a finais deste mes ou a principios de outubro. E é que, que haxa novas eleccións impediría tamén, esgrimiu, que as autonomías coñezan as entregas a conta.

Non en balde, tras a primeira reunión co seu Executivo do novo curso político, Feijóo acusou o Goberno que dirixe o socialista Pedro Sánchez de acometer un "bloqueo intencionado" que afecta as finanzas das comunidades pola súa "decisión política" de "non transferir" o diñeiro "recadado" que xa ten "en caixa". "O bloqueo dos 700 millóns de euros a Galicia non é un problema legal, é unha decisión política", sentenciou.

Ao tempo, alertou de que o Goberno central pretende "estrangular" ás facendas autonómicas, unha actitude que "nada ten que ver" co feito de estar en funcións. "Agora di que isto se solucionará antes do 15 de decembro. Se é así, por que non se fixo en xuño, en xullo ou por que non se soluciona mañá venres?", preguntouse Feijóo.

Na mesma liña, puxo en dúbida que, se o problema non se arranxa xa e España vai de novo a eleccións, se poida articular unha solución. Agora, de acordo co informe xurídico presentado pola Xunta, hai vías para poder facer a transferencia de fondos, xa que as Cortes "non están operativas" e poderíase aprobar un decreto lei que autorice o traspaso "por urxencia e necesidade".

Pero, se hai eleccións de novo co problema pendente de solución, o dirixente galego augurou "unha lea". E é que, advertiu, as Cortes "non estarían operativas", non se poderían dar pasos lexislativos e colapsaríanse "todas as tesourarías das comunidades".

SE HAI ELECCIÓNS NON SE COÑECERÁN AS ENTREGAS A CONTA

Tras os pasos dados polo Goberno estatal, Feijóo detectou "razóns políticas" e insistiu en que "se preparan eleccións xerais en España". "Hai alguén a quen lle interesa que se mesture todo e se diga que o bloqueo é responsabilidade de todos. E non é así. É unha decisión premeditada polo Goberno central", reiterou.

En relación co orzamento autonómico, sinalou que o seu Executivo traballa coa "hipótese" de presentalo conforme á "estabilidade" que vive Galicia, aínda que matizou que, se hai eleccións en novembro, as comunidades tampouco coñecerán as entregas a conta.

"É posible atopar un suposto de maior irresponsabilidade? Colapsar as facendas e impedir que se faga un orzamento", constatou.

En todo caso, insistiu en que, a día de hoxe, se traballa coa hipótese de presentar as contas para o ano próximo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta