O Instituto de Comercio Exterior lamenta que empresas galegas "non se tomaron con seriedade" un 'Brexit' duro

Lamenta que a maior parte de empresas galegas "pensaron que Reino Unido non se ía marchar da UE".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 06/09/2019 | Actualizada ás 11:51

Comparte esta noticia

O Instituto de Comercio Exterior, dependente da Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, alertou este venres sobre as consecuencias dun 'Brexit' sen acordo para as empresas galegas que, na súa maioría, "non se tomaron con seriedade" ese posible escenario.

O director territorial do ICEX en Galicia, Sergio Prieto, e a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García.
O director territorial do ICEX en Galicia, Sergio Prieto, e a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García. | Fonte: Europa Press

Así o trasladou o director territorial do ICEX en Galicia, Sergio Prieto, nunha rolda de prensa celebrada este venres no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, na que presentou os datos de comercio de exterior de Galicia no primeiro semestre de 2019.

Prieto lembrou que o ICEX, xa desde novembro do ano pasado, está a celebrar xornadas informativas con asociacións empresariais, e fixo un chamamento a que as empresas preparasen os seus plans de continxencia ante un eventual 'Brexit' duro. "Por desgraza, non se tomou con seriedade ese chamamento", lamentou.

Segundo incidiu, a maior parte de empresas galegas "pensaron que Reino Unido non se ía marchar da UE" e a realidade é que "cada vez está máis preto" esa posibilidade. Por iso, fixo un novo chamamento ás empresas para "que se preocupen, aínda que sexa tarde", porque se Reino Unido deixa a Unión, e pasa a converterse nun 'país terceiro', haberá consecuencias nos aranceis, encareceranse as operacións, complicaranse os trámites de exportación, haberá que homologar produtos, revisar patentes, e produciranse atrasos loxísticos.

"Galicia non pode permitirse o luxo de perder Reino Unido como cliente", advertiu, á vez que lembrou que o británico é o cuarto mercado para as empresas galegas, e que estas deben preparar os seus plans de continxencia "canto antes".

Por outra banda, incidiu, os británicos "xa se están movendo", buscando novos clientes e provedores e, de feito, nestes últimos anos, asinaron 11 acordo comerciais con outros países. "Non lle estamos dando suficiente importancia a isto", advertiu Sergio Prieto, quen lembrou que o grupo sobre 'Brexit' do ICEX (dentro do que se constituíu unha comisión especial sobre pesca) reunirase o próximo 12 de setembro e, un día antes, no marco da feira MindTech, reunirase en Vigo o grupo sobre internacionalización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta