Transparencias e outras prendas

Decataríanse coma min. De súpeto hai palabras que se poñen de moda e triúnfan en todo o mundo, teñen éxito coma os shorts ou as bebidas isotónicas. Nin sequera son eufemismos, son directamente inventos maquiavélicos, coma os bífidos activos ou os omega 3.

Por Mariña Pérez | Ames | 28/04/2012

Comparte esta noticia
Unha palabra que medrou e se elevou ao poder,  convenientemente descontextualizada e manipulada, é transparencia. Se non sobes ao seu carro, corres o risco de quedar obsoleto, se non es directamente un antidemócrata. Non é casualidade que sexa unha palabra facilmente recoñecible nas linguas máis usadas. E así, proliferan organismos, congresos, estudos e foros sobre a súa actualidade: Transparencia Internacional, Chile transparente, Lei de transparencia,  Transparencia activa…
 
Eu diría que imos camiño de confundir transparente con translúcido, pero non me fagan moito caso, que a presbicia é moi falsa. O material transparente deixa que a luz o traspase en todo ou en parte, o translúcido deixa pasar a luz facendo irrecoñecibles as formas. E non é o mesmo.
 
 A opacidade, por suposto, implica falta de democracia, ausencia de aperturismo e claridade cara ao cidadán. A transparencia en Economía e, en xeral, na nosa Administración, debería deixar que a luz atravesase a súa xestión sen deformar o contido final. Por suposto, todo isto véndese coma un criterio de modernidade política e un indicativo de saúde en democracia. Oh! e incídese moito en que a información é un ben que debe estar a disposición da sociedade. Disque aínda non temos ben interiorizado o concepto de información coma un ben social.  
 
 Moito cinismo transparente na utilización do público, iso é o que hai. Porque o problema vén cando os estándares de transparencia os determina quen ten todo o ánimo de ser opaco. Para abreviar: todo o que antes nomeabamos con palabras como ética, profesionalidade, boa atención ao cidadán, responsabilidade, etc. agora mesturouse nun remexido pseudotransparente, pero sen actitudes de honestidade cara ao cidadán. Todo para o pobo pero sen o pobo. Ou como vestir transparencias levando neopreno por embaixo.
 
Pero os que levamos a area no zoco non acabamos de velo claro, fáltanos aínda un chisco de luz. Non semella moi  transparente que a Ministra de Sanidade presente o gran paso atrás na sanidade pública sen ser quen de ollar de fronte a cámara cando anticipa que vai pagar o pastel o máis desfavorecido (por economía ou por saúde, escolla!). Como non é transparente que o Ministro de Educación diga que masificar as aulas axudará o alumnado a socializar máis. Nin que o señor presidente non compareza explicando as graves medidas de recorte. Non semellan representar un discurso transparente, nin claro nin informativo. As aparencias enganan e os significados das palabras detúrpanse a pracer.  
 
O que ocorre é que a realidade imponse sobre a transparencia. Agora, todos sabemos que a intimidade dun paciente vai ser exposta desde distintos ángulos. Facenda sabe onde  che doe, e Sanidade como che vai o corpo fiscal. Os datos cruzados no ordenador  fixeron de nós un todo: paciente e suxeito pasivo dunha vez. (Onde quedou aquilo de Primum non nocere?) 
 
 O pensionista acudirá ao médico porque lle doe moito na casiña760, e doeralle cada vez máis, e seguramente por tramos. O médico receitará (con clásica mala letra) e soará a algo máis ca catro cafés de menos ao mes. O paciente marchará con cara de IRPF, sen facer ningunha declaración. Surrealista? Non, transparente coma o cristal, a chuvia ou a insaciable industria farmacéutica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Mariña Pérez Rei Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.