Por E.P. | A CORUÑA | 06/09/2019 | Actualizada ás 17:34
A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña acollerá desde o luns, día 9, e ata o día 12, un novo xuízo pola morte dun home ante a institución benéfica Pai Rubinos desta cidade, polo que se xulga a un usuario da entidade, á que tamén acudía o falecido.
O xuízo, con Tribunal de Xurado e en sesión de mañá e tarde, celébrase despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarase nulo o xuízo no que se condenou a 15 anos e medio de cárcere, por asasinato con aleivosía, ao home que matou a outro ás portas de Pai Rubinos, en xaneiro de 2018.
No seu recurso ante o TSXG, o letrado da defensa alegou "indefensión" polo feito de que non se realizou ao seu cliente un exame psiquiátrico por parte dun profesional do Sergas. Polo delito de asasinato, a Fiscalía pide, segundo informa o TSXG, 17 anos de cárcere e 8 anos de liberdade vixiada para o acusado de apuñalar no peito á vítima, que faleceu pouco despois porque a puñalada lle alcanzou o corazón.
ATAQUE "SORPRESIVO"
O Ministerio Público sostén que o ataque foi "sorpresivo" e que o home non tivo "ningunha posibilidade de defenderse". Á hora de solicitar a pena, o representante do Ministerio fiscal ten en conta a atenuante de alteración psíquica.
Así, considera acreditado que o acusado padecía un trastorno mixto da personalidade, o que unido a un consumo crónico de alcol e outras sustancias facía que tivese "levemente diminuídas as súas funcións psíquicas superiores".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.