Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2019 | Actualizada ás 20:04
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, volveu a reclamar ao Goberno central extrapolar o modelo de bonificacións das autoestradas autonómicas á AP-9, debido ao "gran impacto" desta vía en Galicia e na economía dos galegos.
Este venres Vázquez a reiterado a demanda do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao Ministerio de Fomento, xa que "a AP-9 vertebra o territorio no que vive o 60 por cento dos galegos e é a autoestrada sobre a que pivota toda a rede galega de vías de altas prestacións".
Ademais, criticou que a "escalada de prezos" supón unha "consecuencia da decisión do Goberno de Zapatero de financiar as obras de ampliación con aumentos acumulativos das tarifas".
En oposición a estas subidas, Ethel Vázquez, asegurou que a Xunta "predica co exemplo" e lembra a autorización dos descontos nocturnos do 50% que se comezarán a aplicar a partir de outubro nas dúas autoestradas que xestiona, a da Coruña-Carballo (AG-55) e a do Val Miñor (AG-57).
Por todo, o Goberno galego denuncia que as subidas extraordinarias das peaxes, programadas para a AP-9, sitúan aos seus usuarios nunha "situación moi desfavorable", especialmente en comparación co resto de autoestradas españolas que ven liberadas destas taxas ou bonificadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.