Temas: PARLAMENTO

Toda a oposición rexeita as normas aprobadas polo PP no Parlamento sobre uso de roupa e carteis reivindicativos

Os 'populares' esgrimen que o regulamento se limita a fixar "por escrito" o que xa se facía e a evitar que o salón de plenos se converta "nun manifestódromo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2019 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

Todos os grupos da oposición —PSdeG, Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto— opuxéronse en bloque ás normas propostas pola Presidencia do Parlamento e aprobadas pola maioría que ten o PP para regular o uso das dependencias do Pazo do Hórreo, que inclúen, entre outras cuestións, que se impedirá a presenza de quen leve pezas de vestir (como camisetas reivindicativas), carteis ou outros elementos que "menoscaben o decoro" da Cámara.

Hemiciclo galego
Hemiciclo galego | Fonte: Europa Press

Entre os puntos máis polémicos, á marxe da "mordaza" que, segundo a oposición, se tebta impor con respecto á actividade alternativa á institucional no Pazo do Hórreo, está o que ratifica que a Presidencia da Cámara "fará gardar a orde e o decoro en calquera dependencia, espazo ou instalación do recinto parlamentario".

Así mesmo, exponse que "impedirá a presenza de persoas que usen pezas de vestir, accesorios, carteis, fotografías, pancartas ou calquera outro elemento que poida resultar alusivo a algún deputado, organización, institución ou terceiras persoas ou que, de calquera modo, menoscabe o decoro da Cámara".

Os 'populares', co seu portavoz parlamentario á fronte, Pedro Puy, defendeu este regulamento, adiantado por Europa Press, mentres que o seu homólogo no PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, avanzou que, se a proposta se mantén tal e como se remitiu aos grupos, os socialistas "oporanse". "Temos unha serie de obxeccións que lles imos a facer chegar", avanzou.

Así se pronunciou á espera de que esta tarde se reúna a Mesa, onde Leiceaga considera que debe explicitarse a postura de cada grupo. O órgano reitor do Parlamento, no que non están representados nin o BNG nin o Grupo Mixto, será o que adopte unha decisión final sobre a proposta, cuestión que foi obxecto de crítica por parte da nacionalista Ana Pontón.

Leiceaga reivindicou o uso "amplo" das dependencias parlamentarias, dando "por suposto" que os grupos farán "un uso razoable" das salas e sen introducir "sospeitas" a priori sobre as actuacións que se van a levar a cabo.

"Tampouco ten demasiado sentido" para o PSdeG a disposición relativa ao "decoro", ao considerar que se trata dunha cuestión de "difícil apreciación". Por tanto, sinalou que "é necesaria unha revisión en profundidade" desas normas para que o PSdeG poida "apoialas". "Tal e como están non van contar co noso apoio", sinalou.

GRUPO COMÚN DA ESQUERDA NON SE DARÁ "POR ALUDIDO"

Pola súa banda, a parlamentaria do Grupo Común da Esquerda Luca Chao avanzou que os integrantes da súa formación non se darán por "aludidos" no caso de que entre en vigor este regulamento, ao considerar que a Cámara galega debe ser "a casa da cidadanía de Galicia".

"E as restricións que se fan ás visitas parécennos claramente excesivas", subliñou Luca Chao, quen asegurou que padeceron "as consecuencias de que as persoas que veñen ao pleno, por usar unha camiseta, fosen expulsadas".

Fronte a iso, considerou que o Lexislativo galego debería ser "moito máis flexible". "O decoro da Cámara ten que ser totalmente compatible coas reivindicacións cidadás, para iso está o Parlamento", manifestou.

O BNG ESTUDARÁ VÍAS PARA IMPEDILO

Ana Pontón (BNG) alertou de que é "gravísimo" que o PP queira "aprobar un regulamento" que contribúe a "amordazar" a cidadanía e os deputados, ademais de censurar que a Presidencia da Cámara expuxera que estas normas se debaterían na Xunta de Portavoces —onde todos os grupos teñen presenza— e, con todo, será aprobado na Mesa, "onde o PP ten maioría".

"Non pode haber unha limitación dos dereitos dos deputados ou da cidadanía", esgrimiu o BNG, convencido de que "pechar" o Parlamento con esta norma é "unha mostra máis do delirio autoritario" que atribuíu ao PPdeG, a quen acusou de "confundir a maioría absoluta co absolutismo".

Este tipo de decisións, remarcou, supoñen un pronunciamento "en contra dos dereitos da cidadanía, da democracia e das liberdades". Por iso, manifestou o seu desexo de que a Presidencia da Cámara, que lidera o 'popular' Miguel Santalices, rectifique e "non se consome un intento de amordazar o Parlamento e pechalo á cidadanía".

"Os 'populares' demostran que están moi nerviosos ao final desta lexislatura", interpretou Pontón, quen advertiu que, se o regulamento sae adiante, estudará todas as vías —incluídas as legais— para que "non se aplique", porque é "non só unha mordaza, senón tamén un ataque á democracia".

"AMORDAZAR AÍNDA MÁIS"

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Mixto, Luís Villares, lamentou a "pobreza democrática" da Presidencia da Cámara, convencido de que esta "non ten parangón na historia da autonomía". Ao seu xuízo, con este tipo de pasos búscase "amordazar aínda máis".

"Lamentamos a perda de democracia nesta Cámara e estudaremos a forma de recorrer este documento, aínda que sabemos que a marxe de discrecionalidade do presidente é amplo", sentenciou, antes de advertir que, aínda que se "amordacen" os problemas, "os problemas non deixan de existir".

"Revela que estabamos a acertar cando promovemos no Parlamento un espazo para coñecer cales foron os recortes en sanidade. Isto indícanos o camiño a seguir. Se non o facemos dentro do Parlamento, farémolo fóra", resolveu.

DEFENSA DO PP

En fronte, Pedro Puy defendeu unhas normas que, segundo a súa interpretación, limítanse a levar ao plano escrito os protocolos habituais da Cámara autonómica, ademais de ser "garantía da independencia" na actividade do Parlamento e dos deputados, evitando que o salón de plenos poida converterse, por exemplo, "nun manifestódromo".

Puy esgrimiu que en todas as Cámaras "hai unhas normas que garanten a inviolabilidade dos deputados e que os deputados poidan realizar as súas funcións con independencia", antes de subliñar que as que expón a Presidencia do Parlamento galego son "menos restritivas". "Son normas para todos e quen está a favor da independencia das actividades do Parlamento, estará a favor", augurou.

En canto ao uso das salas, augurou que, igual que en calquera universidade se os estudantes queren usar unha aula teñen que pedir permiso ao decano, con máis motivo ten que facerse no ámbito do Parlamento, para evitar situacións que poidan "rebentar a expresión popular" que representan os deputados electos.

Temas: PARLAMENTO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Para o que resta de lexislatura non merece a pena perder o tempo en CAMISETAS! Supoño que levar un pin do PP na lapela da chaqueta tamén será motivo de expulsión? En Vigo temos que levar un número colgado ao pescozo coma ovellas! Os bombeiros levan camisetas reivindicativas e para o caso que lles fan case poderían ir espidos a ver se así concitaban máis respecto? Pero Juan Carollo vai adecuadamente vestido conforme ás normas do "decoro" e as súas verbas fan tremer a calqueira MENOS ao Alcalde-Presidente! https://elpais.com/sociedad/2019/09... Non é unha cuestión de CAMISETAS é o secuestro da Democracia!!!