Feijóo sitúa directamente a Pedro Sánchez no centro da súa estratexia política de cara ás autonómicas

Pídelle ao presidente español que desbloquee os 700 millóns.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2019 | Actualizada ás 12:17

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sitúa a Pedro Sánchez como o seu principal rival político a un ano das eleccións galegas. Un rival político co que poder soster argumentos e ataques de tipo electoral, especialmente, a conta do diñeiro que o Estado central lle adebeda a Galicia. 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello.. XUNTA DE GALICIA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello.. XUNTA DE GALICIA

Por iso, no inicio do curso político, Feijóo sitúa a Sánchez como elemento principal no seu discurso. Así, anunciou que enviará ao seu homólogo estatal unha carta na que lle insta a "reconsiderar o bloqueo desatinado" que, ao seu xuízo, aplica aos servizos públicos galegos ao non transferir os 700 millóns de euros que "debe" a Galicia. O escrito irá acompañado dunha proposta de decreto lei que --dixo-- permitiría liquidar xa a situación.

E é que o arranque do curso político en Galicia --na liña do resto de comunidades e do Estado-- está marcado polo debate ao redor do financiamento e os 700 millóns que, no caso galego, demanda a Xunta ao Executivo central: 330 millóns das entregas a conta pendentes do financiamento autonómico, 200 millóns dunha mensualidade do IVE de 2017 e outros 170 millóns de incentivos por cumprir as regras de estabilidade financeira.

Así, o foco este mércores na Cámara galega, á marxe da 'estrea' na cara a cara con Feijóo do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, estivo no financiamento, onde o presidente galego levou o debate en todas as preguntas formuladas por socialistas, Grupo Común de Esquerda --con Antón Sánchez como voz-- e BNG durante a sesión de control.

Feijóo aproveitou o debate con Caballero para anunciar que enviará unha carta a Sánchez co fin de esixirlle o fin do "bloqueo" á "sanidade, servizos sociais, educación ou dependencia" en Galicia, achegando o informe xurídico que a Xunta xa presentara e no que se defendía que, en contra do que alega o Goberno, "si" hai vías legais para a transferencia dos 700 millóns.

Á marxe do informe xurídico, o Executivo autonómico irá un paso máis aló e incorporará ao escrito unha proposta de decreto lei que, segundo Feijóo, estaría lista para aprobar no Congreso dos Deputados a semana próxima, e que permitiría que Galicia puidese recibir os 700 millóns en cuestión.

CIUDADANOS

Tamén o grupo de Ciudadanos Cs se apuntou á estratexia de Feijóo e pediu xa explicacións polo "financiamento pendente" á "rexión" de Galicia no Congreso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta