Estudan alternativas para a colocación de colectores no peirao da Pobra

A intervención da responsable de Portos foi integramente en castelán, motivo polo que a deputada do BNG reprendeulle e lembroulle que é membro do Goberno de Galicia polo que ten a encomenda "de defender o galego".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2019 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, informou este mércores de que se estudan "alternativas" para a localización de colectores no peirao da Pobra do Caramiñal. En resposta ao BNG na comisión parlamentaria de Pesca, Lenguas, que tomou posesión do seu cargo este verán, asegurou que se buscará "un consenso" para que "todos estean contentos con el".

A deputada do BNG Montse Prado alertou de que a concesión para operar con colectores frigoríficos neste importante porto de entrada de túnidos, coa ocupación de máis de 1.500 metros cadrados na chaira, supón un proxecto "equivocado", xa que "prexudica" aos diferentes traballadores.

Nesta liña, a deputada nacionalista valora que a Xunta "rectifique" pola instalación destes colectores "incompatible" con outras actividades, "non favorecendo" a unha empresa que "prexudica a moitas outras". Ademais, remarca que Portos ten unha zona ociosa, "sen ocupar", de "dimensión moi importante" onde poden situarse.

Pola súa banda, Susana Lenguas apunta que, aínda que a concesión outorgada en maio deste ano para operar estaba "ben" e "de acordo" coas diferente normativas, varias empresas presentaron recurso de reposición, mentres se buscará unha alternativa viable e que cause os menores prexuízos.

INTERVENCIÓN EN CASTELÁN

A intervención da responsable de Portos foi integramente en castelán, motivo polo que a deputada do BNG reprendeulle e lembroulle que é membro do Goberno de Galicia polo que ten a encomenda "de defender o galego".

A este respecto, Montse Prado deixou claro que os cargos do Executivo galego deben ser os "primeiros en dar exemplo e usalo", polo que é "moi desexable" usar no Parlamento de Galicia "a súa lingua propia".

Toma de posesión da nova presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas.. XUNTA DE GALICIA
Toma de posesión da nova presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas.. XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta