Lugo e Ourense prepáranse ante o aviso de treboadas, que serán máis probables a partir da tarde

A Deputación de Lugo xa activou un dispositivo de seguridade nas estradas provinciais para anticiparse á alerta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2019 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

As provincias de Lugo e Ourense están esta tarde en risco amarelo por choivas e treboadas e os equipos de emerxencias xa están preparados para garantir a seguridade das estradas no caso de que sexa necesario.

Segundo explicaron desde Meteogalicia a Europa Press, a situación meteorolóxica da xornada vén determinada por dous factores principais. Un deles será a presenza de aire cálido en superficie debido ao anticiclón que afectou á comunidade a semana pasada ao que se sumou, doutra banda, unha zona de frío nas capas medias e altas da atmosfera.

Por iso, a medida que o sol eleve a temperatura do aire, este empezará a subir e atoparase con esas masas frías, de modo que pasará a condensarse e formará treboadas. As zonas máis afectadas por esta situación serán as do interior, sobre todo en Lugo e Ourense, aínda que as posibilidades e a variabilidade do estado meteorolóxico impide prever cales serían os termos municipais máis afectados.

O máis probable, en todo caso, é que as treboadas empecen a afectar o territorio a partir das 17.00 horas, cando se rexistra máis calor en superficie, e comecen a elevarse en intensidade progresivamente.

Os servizos de Aemet foron os que difundiron o aviso amarelo en Cantabria, León, Palencia, Zamora, Lugo, Ourense e Asturias para esta xornada, por choivas e treboadas que poderán acumular ata 20 litros por metro cadrado nunha hora.

DISPOSITIVO E RECOMENDACIÓNS

A Deputación de Lugo xa activou un dispositivo de seguridade nas estradas provinciais para anticiparse á alerta de treboadas, sobre todo nas zonas sur, centro e nas montañosas.

Con este fin, despregarán os recursos necesarios no oito zonas de conservación, con 48 operarios, 20 máquinas pesadas e oito vehículos con material lixeiro.

O 112 Galicia, ademais, difundiu a través das redes sociais unha serie de recomendacións para a cidadanía e recomendou manter a precaución nas estradas en situacións de néboa, choiva ou sarabia.

Treboada
Treboada | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta