Reaccións á repetición das Xerais: En Marea cualifica de irresponsables a Sánchez e Iglesias

Gonzalo Caballero, considera que o actual escenario político chama a unha "especie de segunda volta electoral". O BNG confía en "dar a volta á tortilla" e ter presenza en Madrid. Feijóo acusa a Sánchez de ser o responsable da repetición electoral e califica a súa candidatura como un "fracaso". Abel Caballero acusa ao Partido Popular e Ciudadanos de buscar unha repetición das eleccións xerais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2019 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, censurou a "absoluta irresponsabilidade" que, di, cometeron PSOE e Podemos por non alcanzar un acordo de goberno no Estado que aboca á celebración dunhas novas eleccións xerais o próximo 10 de novembro.

A preguntas dos medios este mércores no Parlamento de Galicia, o tamén portavoz do grupo mixto asegurou que as formacións que lideran Pedro Sánchez e Pablo Iglesias son "igual de responsables" do sucedido e que a cidadanía "lles vai dar unha lección" nas urnas.

"Ambos (partidos) tiñan o deber, o deber moral, de chegar a un acordo", asegurou Villares, que cre que tanto PSOE como Podemos equivocáronse ao "negarse a calquera tipo de diálogo" os primeiros e "pedir máis do que lles correspondía" os segundos.

Cuestionado sobre se cre que a repetición das eleccións supón unha oportunidade para En Marea --que en abril, na súa primeira cita coas urnas sen os seus antigos socios, quedou en menos de 18.000 votos--, o portavoz da organización respondeu que o 10N será o momento de "dicir" a Sánchez e Iglesias que Galicia quere "representantes que sexan capaces de chegar a acordos".

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. XUNTA
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. XUNTA | Fonte: Europa Press

PSdeG-PSOE

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou que o actual escenario político chama a unha "especie de segunda volta electoral" na que a cidadanía poida referendar "cun apoio máis forte e máis amplo" ao Partido Socialista.


Nunha rolda de prensa ofrecida este mércores, o xefe de filas dos socialistas galegos asegurou que a repetición das eleccións non era o escenario que a cidadanía esperaba e cargou contra as forzas políticas que "xogaron ao boicot e ao bloqueo".

"Os cidadáns en España e en Galicia votaron ao PSOE como primeira forza política do país e fronte a Pedro Sánchez non había ningunha outra opción posible de goberno para España", subliñou.

Nesta liña, asegurou que ese "proxecto de progreso" que gañou as eleccións no mes de abril "segue sendo absolutamente necesario en novembro" para a maioría da cidadanía. "España e Galicia seguen necesitando un proxecto progresista, de avance social que impida os retrocesos e a involución que representan o tres dereitas", insistiu.

BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que a formación frontista afronta como "unha oportunidade para que Galicia teña voz en Madrid" a repetición das eleccións xerais que os nacionalistas ven froito da "inutilidade e incompetencia" dos líderes das forzas estatais, en referencia a Partido Socialista, PP, Cidadáns e Podemos.

Nunha rolda de prensa celebrada no Parlamento de Galicia este mércores, a líder nacionalista referiuse a a actualidade política estatal, que pasa pola repetición das eleccións xerais o próximo 10 de novembro tras a falta de acordo para a investidura como presidente dun candidato, confirmada na xornada do martes despois da rolda de consultas realizada polo rei Felipe V.

Para Pontón, o fracaso das negociacións evidencia "a inutilidade e incompetencia" dos catro líderes dos principais partidos de España --Pedro Sánchez (PSOE), Pablo Casado (PP), Albert Rivera (Cs) e Pablo Iglesias (Podemos)-- a quen "lles importan un bledo os problemas da cidadanía e de Galicia".

Por iso dixo que "a maioría dos galegos tomaron nota" do ocorrido nos últimos meses, polo que confía en "dar a volta á tortilla" o próximo 10 de novembro para que o BNG, que en abril dobrou os seus votos respecto das anteriores xerais pero non logrou representación, volva ás institucións do Estado para "levar a voz de Galicia".

FEIJÓO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou este mércores de "noticia prevista e mala" a repetición das eleccións xerais e lamentou que o "fracaso" do socialista Pedro Sánchez, ao non conseguir formar Goberno, meta a España no "club de países inestables da Unión Europea".

En declaracións aos medios, o presidente galego, que se atopa de viaxe oficial en Arxentina, sinalou que "o candidato Sánchez prefería, desde o primeiro instante ter novas eleccións" e censurou que esta convicción sitúe a España no grupo de países "que conforman a inestabilidade política", tras varios comicios consecutivos en pouco tempo.

"Comprendo e é lexítima a ambición dun político, pero non pode estar por encima do funcionamento das institucións e do seu país", aseverou, antes de constatar que Sánchez "fracasa como candidato" nunha lexislatura que "fracasa antes de empezar". Engadiu que queda patente que "os intereses" do líder socialista son "incompatibles" cos intereses "da maioría dos españois".

Nesta conxuntura, manifestou o seu desexo de que o 10 de novembro "a maioría de españois e galegos tomen nota" de que "hai un político en España que non deixou gobernar ao PP cando podía e que agora ese mesmo político non quere gobernar cando podería facelo en coalición con outros".

"FRACASO ESTREPITOSO"

Na mesma liña, nun acto na Estrada (Pontevedra), o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, aludiu ao "fracaso estrepitoso" de Sánchez, quen "tiña a responsabilidade de tentar formar goberno" e "nunca tivo intención" de facelo.

O vicepresidente da Xunta e líder dos populares na provincia de Pontevedra atribuíu a Sánchez o "cálculo electoralista e partidista" desde o principio e mostrouse convencido de que "a opinión xeral" é que conduce a un escenario que "non é bo" xa que España seguirá "nun período de inestabilidade" e de "falta de actividade da Administración".

ABEL CABALLERO

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou ao Partido Popular (PP) e a Cidadáns (Cs) de buscar unha repetición das eleccións xerais co obxectivo de mellorar os resultados obtidos o pasado mes de abril.

Ademais, lamentou a falta de "seriedade" mostrada por Podemos durante as negociacións levadas a cabo co PSOE para alcanzar un acordo que posibilitase a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 predator

Votar en expañol e darlle un futuro negro a Galiza... a solución non e expaña... expaña e o problema

4 Bartino

Xa tardan os madrillegos en montar un novo chiringuito Enmareanovagaliciñabonitaxacobeapodrecemos...

3 twuj

En Marea xa non existe, acabaron con ela os liquidacionistas de Cerna, Lidia e Villares. Os dos 15.000 votos.

2 Pasmón

Todas estas manifestacións son puro slogan, unha pura repetición e sucesión de consignas machaconas disparadas por uns gabinetes de comunicación ben ineptos. O depauperamento da política e do seu discurso no estado español é alarmante, malia non ser casual nin inocente. Estas ladaíñas poderiamos telas adiviñado calquera de nós onte ás 20 h e dubido que nos trabucásemos nin coa posición dunha coma.

1 Viravento

Canta razón levas...

1 Desmareado

Villares non ten creto ningún para falar de irresponsabilidade en política co seu historial. Nótase moito a impostura de querer afastarse dos seus ex de Podemos dicindo que son "igual de responsables" q o Psoe, cando Sánchez non fixo nada por pactar (só conseguiu o apoio do deputado de Cantabria). En fin, a ver que fai En Marea nestas eleccións, igual xúntanse con Errejón. E veremos se agora que xa non da medo a chegada de Vox, votamos "útil" e sae algún deputado comprometido con Galicia.