Teñen futuro os deportistas de elite en Galicia?

A lexislación actual recolle axudas para atletas galegos de alto nivel. Non se contemplan vías de adaptación para os que deixan o deporte activo. A práctica do deporte de competición moitas veces é incompatible con estudos. Unha reforma legal buscaba a cobertura das matrículas universitarias para deportistas, pero segue sen aprobarse.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O retiro da vida do deporte en activo é un momento moi delicado para un atleta profesional. Alguén que, en calquera deporte, estivo anos dando o mellor de si, de súpeto ve como xa non hai unha obriga, motivación ou meta que cumprir logo de erguerse pola mañá.

Ociclista de triatlón WTS.
Ociclista de triatlón WTS. | Fonte: CBTri

A recente morte de Blanca Fernández Ochoa abriu un debate sobre este tema. Máis aínda cando se trata de deportistas que chegaron a altas cotas dentro das súas disciplinas. Que facer despois? Como afronto non ir adestrar, non ir ao fisio, non ir ao campo de prácticas? En Galicia existe o recoñecemento para Deportista Galego de Alto Nivel, que recolle unha serie de axudas para que os e as deportistas podan obter unha serie de beneficios pola súa actvidade.

DECRETO ALTO NIVEL

En 2004 apareceu o Decreto 6/2004 do 8 de xaneiro, que buscaba uns parámetros para a cualificación daqueles deportistas galegos de alto nivel así como  dos programas e beneficios dirixidos a estes. A definición de deporte de alto nivel dentro do decreto era o deporte como o “estadio no que se integran os deportistas que participan, ou teñen como obxectivo participar, nas competicións e actividades do máximo nivel organizadas ou recoñecidas polas federacións deportivas, nacionais e internacionais”.

Basicamente, con este texto legal o que se buscaba era establecer “as bases para o recoñecemento dunha atención ós deportistas que obteñan a condición de deportistas galegos de alto nivel, ben por tratarse de novas promesas deportivas próximas a unha situación de alta excelencia deportiva ou ben por atoparse xa na dita situación”. 

Marta Míguez, xunto a Alberto Núñez Feijóo e  Jose Ramón Lete.
Marta Míguez, xunto a Alberto Núñez Feijóo e Jose Ramón Lete. | Fonte: xunta.gal

A interpretación sería outorgar unha serie de bolsas para que os deportistas de alto nivel non deixasen a competición por falta de recursos. Mais con todo, o camiño para a obtención destas axudas xunto co recoñecemento como deportista de alto nivel, non eran un camiño doado.

DECRETO PARA DEPORTISTA DE ALTO NIVEL

O recoñecemento como deportista de alto nivel para a Xunta de Galicia pasa por “aquel
que, reunindo os requisitos previstos neste decreto, sexa recoñecido como tal por resolución da consellería competente en materia de deportes”. E en previsión de posibles choques competenciais, engadiuse que a “condición de deportista galego de alto nivel é compatible co disfrute de tal condición ó abeiro da normativa estatal”.

En 2005, un ano despois da aparición do Decreto 6/2004, o DOG publicaba a primeira modificación pois, tal e como recoñecía o articulado da modificación “creuse axeitado proceder á modificación do anexo da anterior orde de criterios, coa pretensión de gañar en homoxeneidade e coherencia vistas as exixencias e particularidades que concorren en cada deporte”.

Aínda así, durante tres lustros, as esixencias burocráticas para ter acceso á categoría de Atleta Galego de Alto Nivel (AGND), non deixaron de ser complicadas para boa parte dos e das aspirantes a esta certificación. Por este motivo, en 2018 presentouse unha nova proposta de reforma desde a Secretaría Xeral de Deporte, daquela dirixida por Marta Míguez.

A NOVA VIDA

“O punto mestre da nova reforma eran as matrículas universitarias, que a xente puidese estudar coas matrículas pagadas pola Xunta” di Marta Míguez. “Hai matrículas en Galicia de 700 euros, das máis baratas, mentres que outras universidades fóra de Galicia, maiormente privadadas, teñen matrículas de 2.000 euros que para algúns deportistas están cubertas para estudar e poder practicar o seu deporte” sinala Míguez.

Con todo, Míguez tamén apunta a necesidade de pensar nos e nas deportistas logo da súa vida profesional. "Ser o número cinco ou seis da túa disciplina quere dicir que es o sexto do mundo, do teu país nese deporte, mais ninguén se acorda desta xente". 

Mais o sorprendente é que pode acontecer tamén cos e coas que foron o número un ou dous dentro das súas disciplinas. "Eu estaba xa mentalizado" di Óscar Pereiro, gañador do Tour en 2005, "fixei unhas metas a longo prazo para irme adaptando á vida despois da bicicleta". "Compaxinei estudos con atletismo" di Marta Míguez. "Os meus pais dicían que tiña que ser realista, pensar en que pasaría despois". Así, Míguez estudara INEF e presentárase a oposicións de secundaria. 

MÁIS REFORMAS

“A reforma quedara nos Servizos Xurídicos da Xunta, para a súa avaliación en decembro de 2018” di Míguez. “Antes había dúas convocatorias por ano ás que tiñas que ir obrigatoriamente se querías a acreditación de DGAN, se facías unha marca hoxe non podías solicitar o documento de alto nivel ata o mes de novembro, o lóxico sería poder solicitalo xa”.

Con todo, en 2018 apareceu no D.O.G., a “RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o modelo de solicitude para o recoñecemento da cualificación de deportista galego de alto nivel”. Esta resolución estaba asinada por Marta Míguez, e era un novo modelo de solicitude para ter a acreditación de AGDN.

QUE PASOU COA REFORMA PROPOSTA?

A chegada de Mariano Rajoy ao Goberno central trouxo candasí o nomeamento de José Ramón Lete Lasa como secretario general para el Deporte del Gobierno de España e presidente do Consejo Superior de Deportes en 2016. Lete Lasa fora ata ese momento, en todos os gobernos presididos por Núñez Feijóo, secretario xeral de Deporte da Xunta. A substituta de Lete Lasa foi Marta Míguez.

Despois da moción de censura que sacou a Rajoy da presidencia do Goberno, Lete Lasa regresou a Galicia e ocupou novamente o posto de Secretario Xeral para o Deporte. A consecuencia foi o cesamento de Míguez, punto este que non foi do agrado de moitas persoas vinculadas ao deporte e mesmo á política e tamén dentro do PP.

A reforma que presentara no seu momento Míguez quedara dentro dos servizos xuíridicos da Xunta. Galicia Confidencial púxose en contacto coa Secretaría Xeral para o Deporte. Desde o organismo público afirmaron que a reforma entrará en vigor este ano de 2019, o máis probable durante o último trimestre.


 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta