Bugallo di que hai proxectos "afectados" por falta de goberno e que os comicios xerais eran esperables

O alcalde de Santiago lembrou que o goberno en funcións aprobou a licitación da ligazón orbital, unha actuación que "non se materializou porque en funcións non ten autorización para continuar".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2019 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo (PSOE), asegurou que hai proxectos na cidade que "se están vendo afectados" pola falta dun goberno en plenitude de funcións e considerou que os comicios eran esperables e "dificilmente evitables".

Preguntado sobre a repetición das eleccións xerais o próximo 10 de novembro ante a falta de acordos para formar goberno, o rexedor afirmou que "non" o sorprende a convocatoria. "Parecíame que este era o final máis probable desde que pasou o que pasou no pleno do Congreso de xullo", manifestou.

Na súa intervención, Sánchez Bugallo recoñeceu que o feito de que o goberno estivese en funcións desde o día no que se constituíron as corporacións municipais fai que haxa unha "serie de proxectos" que "se están vendo afectados".

Así, entre outras cuestións, lembrou que o goberno en funcións aprobou a licitación da ligazón orbital, unha actuación que "non se materializou porque en funcións non ten autorización para continuar". Tamén indicou que está "pendente" unha reunión do real padroado e impulsar o Consorcio de Santiago ou o cambio do nome do aeroporto de Lavacolla.

"Temos acordado neste momento e perfectamente encamiñado o futuro da estación do AVE, pero o goberno en funcións de momento non puido modificar o convenio que dá lugar á situación actual porque non é urxente nin inaprazable a decisión... E así temos unha chea de decisións que de momento se van retardando", indicou.

Con todo, subliñou que esta situación política estatal "non impediu" ao Concello "seguir avanzando". "Por exemplo, en ADIF avanzamos na redacción do proxecto e este mes sairá a exposición ao público", expresou para sinalar que "todo vai segundo o previsto" e "no mes de decembro teremos o proxecto da estación de tren nova".

"Temos que ver se para entón temos un goberno que poida levantar a cláusula", apuntou para insistir en que de momento "non se perdeu tempo" porque están "a traballar en paralelo". Todo iso, antes de chamar a atención sobre o feito de que sexa a segunda vez en catro anos que se produce unha situación destas características.

REUNIÓNS CON OUTROS GRUPOS

Na rolda de prensa celebrada este venres, o alcalde de Santiago informou do inicio dunha "rolda de contactos" co resto de grupos municipais de face a abordar posibles acordos sobre a "situación de concello, a marxe para as ordenanzas fiscais" e as "perspectivas que se manexan para os orzamentos".

Respecto diso, Bugallo sinalou que viu actitude "positiva" no BNG, a un PP "aberto" a falar pero con "posicións de partida difíciles de encaixar" mentres que, por parte de Compostela Aberta asegurou que non tivo "ningunha contestación".

Nas citas, segundo indicou, o goberno municipal trasladou que non podían contemplar solucións que "implicasen unha baixada dos ingresos" nun contexto no que a cidadanía demanda "máis e mellores servizos".

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugura o curso político
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugura o curso político | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta