Piden 3 anos de prisión para o rexente dun club por abusos laborais contra 28 mulleres

Tamén xulgan a un empresario en Betanzos por delitos semellantes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2019 | Actualizada ás 10:22

Comparte esta noticia

A Fiscalía pide tres anos de prisión para o administrador dun club de alterne do Porriño (Pontevedra) por contratar de forma irregular a 28 mulleres que exercían a prostitución no local en 2014. Un caso que pasará a xuízo o vindeiro mércores, na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

O xestor do Restaurante-Hotel no que se produciron os feitos, BD.M.S, actuaba "coa intención de prexudicar" ás empregadas, "de infrinxir a normativa laboral" e está acusado dun delito contra os dereitos dos traballadores, polo que se lle piden tres anos de prisión, inhabilitación especial para exercer de administrador de industria ou comercio durante tres anos e unha multa de 2.700 euros, 10 euros ao día durante nove meses.

A Fiscalía acúsao de someter ás prostitutas a "respectar os horarios de apertura e peche do local", usalas para "incitar aos clientes ao consumo de copas" e ás que lles descontaba cinco euros por utilizar sabas e entregarlles preservativos.

En total, o local contaba cun persoal de 41 traballadores, dos que só 13 estaban rexistrados na Seguridade Social e as outras 28, que exercían "funcións de alterne" e unha era bailarina, estaban contratadas en "situación irregular".

Por todo isto, ademais da pena, o procesado deberá pagar a indemnización que corresponde polas cotas derivadas da Seguridade Social. A Fiscalía afirmou que é maior de idade e conta con antecedentes penais.

DELITO EN ORTIGUEIRA

Por outra banda, o mesmo mércores na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña xulgarase a un home por outro delito contra os dereitos dos traballadores. Neste caso, está acusado de contratar de forma ilegal a sete persoas que non estaban dadas de alta na Seguridade Social para traballar no seu club de alterne en Ortigueira (A Coruña).

Das sete traballadoras, seis eran prostitutas e un camareiro. Tres das contratadas irregularmente son de nacionalidade kenyana e dúas brasileiras, que non teñen permiso para traballar en España.

Todo iso constitúe un delito contra os dereitos dos traballadores polo que piden dous anos de prisión, inhabilitación durante o tempo da condena e unha multa de 3.240 euros, 12 euros diarios durante nove meses.

Redada nun club de alterne
Redada nun club de alterne | Fonte: Guardia Civil

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta