O foro Ficrural rematará as súas actividades este sábado coa actuación do grupo Inmaculate Fools

O director deste foro internacional explicou que o seu obxectivo "básico" é "a reactivación do rural de Santiago e da súa comarca" cunha oferta "para toda a familia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2019 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

O grupo británico Immaculate Fools porá o broche final á celebración do I Foro Internacional da Economía e a Cultura Rural (Ficrural) cunha actuación que terá lugar este sábado, día 28 de setembro, ás 22,00 horas. Previamente, ás 20,30 horas, actuarán os pontevedreses Broke Lord.

Así o explicou o director de Ficrural, Aser Álvarez, nunha rolda de prensa celebrada este martes no Concello compostelán para avanzar na programación dos próximos días e na que tamén estiveron o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, e o propio vocalista de Immaculate Fools, Kevin Weatherill.

O director deste foro internacional, que arrincou xa o pasado domingo 22 coa súa inauguración no Centro Sociocultural A Graza, explicou que o seu obxectivo "básico" é "a reactivación do rural de Santiago e da súa comarca" cunha oferta "para toda a familia".

Ademais, Álvarez indicou que Ficrural, desde unha perspectiva de "crise mundial" do ámbito agrario e de emerxencia climática, buscará "unir" ambas as loitas: "Ou reactivamos as zonas rurais para que interactúen cos centros urbanos, ou senón será moi difícil achegar solucións sustentables a medio e longo prazo".

Así, o director erixiu a este evento de carácter internacional como un "proxecto piloto" que arrinca na capital galega pero ten visión de "exportala a outros rurais, primeiro a nivel comarcal e despois a nivel provincial".

FESTIVAL DE CINEMA RURAL

Ademais dos xa mencionados concertos, Ficrural preparou para os próximos días proxeccións de entre 10 minutos e media hora enmarcadas no V Festival de Cinema Rural de Galicia, no que ademais haberá un premio especial do público en cuxa votación poderán participar os asistentes ás distintas sesións.

Este inclúe a nova iniciativa 'Ficrural na Escola', que ao longo da semana leva aos colexios algúns filmes finalistas ou premiados de anteriores edicións do festival de cinema. A programación do Ficrural inclúe tamén debates sobre iniciativas políticas no rural, coa presenza dos grupos con representación no Parlamento galego e na corporación municipal; ademais de mesas redondas sobre proxectos innovadores e emprendedores no agro.

Aser Álvarez destacou tamén que esta primeira edición busca "romper estereotipos" e "darlle visibilidade ás mulleres" do rural. Neste ámbito, o artista galego Joseba Muruzábal realizará un mural cunha muller como protagonista e que se poderá coñecer ao final do evento.

De esquerda a dereita: o vocalista de Immaculate Fools, Kevin Weatherill, o concelleiro de Medio Rural de Santiago, José Manuel Pichel, e o director da feira Ficrural, Aser Álvarez, en rolda de prensa.
De esquerda a dereita: o vocalista de Immaculate Fools, Kevin Weatherill, o concelleiro de Medio Rural de Santiago, José Manuel Pichel, e o director da feira Ficrural, Aser Álvarez, en rolda de prensa. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta