O presidente de Alcoa España traslada aos empregados galegos "incerteza" por falta de "medidas concretas" do Goberno

Os traballadores manterán as mobilizacións e avisan ao Executivo central que "é o momento" de que "dea algún paso".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2019 | Actualizada ás 19:35

Comparte esta noticia

O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, reuniuse este martes con representantes dos traballadores da planta de San Cibrao, en Cervo (Lugo), a quen trasladou que segue a situación de "incerteza" pola falta de "medidas concretas" do Goberno para "solucionar o problema da enerxía para a industria do aluminio.

Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao, en Cervo (Lugo)
Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao, en Cervo (Lugo) | Fonte: Europa Press.

En declaracións a Europa Press, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo, lamentou —tras unha reunión na fábrica de San Cibrao— que, "por agora, só hai boas palabras" por parte do Goberno, pero sen que "se concrete nada".

Ademais, "descoñécese cal é o contido" do estatuto para a industria electrointensiva comprometido polo Goberno. "Se vai chegar ou non vai chegar, nin tampouco se se colle algunha das alegacións que se fixeron", explica.

Actualmente, a fábrica da Mariña lucense reduciu un 11 por cento a súa produción, aínda que sen consecuencias sobre o emprego. O presidente de Alcoa España apuntou que, "de momento, non hai ningunha outra medida a maiores a tomar", explica Paleo, pero verase "en función de como evolucione".

"Non di que vaia a pechar, pero non se sabe a canto se vai ter o prezo da corrente eléctrica a 1 de xaneiro, que supón o 40% do custo de produción", avisa o representante dos traballadores. "Para arrincar dúas cubas ou volver producir ao 100% en San Cibrao fai falla que o Goberno poña en marcha un marco tarifario que o permita", apostila.

A isto únese que se descoñece como será a poxa de interrumpibilidade para empresas que se prevé levar a cabo antes de final de ano.

SEGUIRÁN COAS MOBILIZACIÓNS

Por todo iso, os traballadores aseguran que manterán as mobilizacións en defensa do emprego e a actividade da fábrica. A próxima protesta será este venres, 27 de setembro, cunha concentración a partir das 14,00 nas proximidades da fábrica.

E é que os operarios se queixan de que, ademais, agora haberá un "impás" ata "despois de Nadal" cun Goberno en funcións. De tal forma, Xosé Paleo afirma que "agora é momento de que o Executivo central dea algún paso polo menos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta