Ponteceso mantén o consello de non beber auga da billa á espera de novas análises sobre a presenza de norovirus

O primeiro informe da empresa subministradora indica que os parámetros analizados son normais.

Por Europa Press / Redacción | Ponteceso | 24/09/2019 | Actualizada ás 20:39

Comparte esta noticia

O Concello de Ponteceso mantén a recomendación de non consumir polo momento auga da billa, á espera de recibir unha nova análise sobre a presenza de norovirus e tras o primeiro informe da empresa subministradora, que indica que os parámetros analizados son normais.

Auga da billa.
Auga da billa.

O Concello de Ponteceso fixo públicas a última hora deste martes as analíticas realizadas en catro puntos de toma de mostras pola empresa subministradora de auga, encargadas a raíz do brote de gastroenterite que afecta a unha trintena de persoas na localidade de Corme.

As mostras tomáronse este luns, tras detectar os casos de gastroenterite, no depósito Alto da Serra, o depósito de Corme, a Fonte do Osmo e o Centro de Saúde de Corme Porto, co obxectivo de analizar a posible contaminación microbiolóxica. De forma paralela, Sanidade e o Concello de Ponteceso activaron a recomendación de non consumir auga da traída ata aclarar estas circunstancias.

O informe remitido a Alcaldía ás 19,45 horas deste martes explica que "a totalidade dos parámetros analizados e, en particular, aqueles de carácter microbiolóxico" cumpren "coa normativa", o que "acredita a potabilidade da auga" da rede de abastecemento.

No entanto, e ante a "alarma xerada", a empresa tomou mostras para a análise de norovirus, uns resultados que, explica, "se recibirán a partir do próximo venres, día 27 de febreiro.

CONTINÚA A RECOMENDACIÓN

Nesta situación, e a pesar de que o documento da empresa indica que a auga é potable, o Concello de Ponteceso confirmou que se mantén a recomendación de non consumir auga da traída polo momento, un veto que, ademais, debe levantar o departamento autonómico de Sanidade.

Ademais dos resultados sobre a posible presenza na auga deste patógeno causante de diarreas, o Concello de Ponteceso está tamén á espera de recibir as analíticas paralelas encargadas por Sanidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta