A Xunta deseñará "con prudencia" un teito de gasto "de máximos", que logo podería baixar segundo os ingresos

Estuda os datos económicos de entidades "máis serias" que o Goberno central e presentará o teito de gasto "como moito en 15 días".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2019 | Actualizada ás 15:33

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que, como primeiro paso necesario para articular os orzamentos de 2020, "como moito en 15 días" presentará o teito de gasto para o próximo exercicio.

Reunión do Consello da Xunta
Reunión do Consello da Xunta | Fonte: Europa Press

"Con prudencia", en palabras do mandatario, o Executivo galego establecerá "un teito de gasto de máximos" —o de 2019 situouse en 9.850 millóns de euros—, aínda que tanto este (o habitual é que a Xunta o esgote) como os orzamentos poderían sufrir "diminucións" se así o determina a evolución dos ingresos que finalmente entren nas arcas galegas.

Feijóo sinalou que o Banco de España e outras entidades apuntan a un descenso do crecemento económico no polo oposto ás previsións do Goberno central, polo que sinalou que a Xunta está a estudar os datos financeiros de "entidades máis serias e solventes" que o Executivo que lidera o socialista Pedro Sánchez.

Entre eles, aludiu á fonte do Instituto Galego de Estatísticas (IGE), "bastante máis certeiro que outras fontes gobernamentais". "Cando o analizamos, presentaremos o teito de gasto. Imos tentar que entre antes do 20 de outubro, a pesar da incerteza máxima que temos na nación", apostilou.

Feijóo expresou o seu temor de que o Goberno non traslade "nin unha soa físgoa de por onde pode ir un teito de gasto razoable", por iso admitiu como unha posibilidade que, posteriormente, en función da evolución dos ingresos en 2020 toque facer modificacións orzamentarias á baixa.

O presidente galego cargou unha vez máis contra o Executivo de Sánchez e suxeriu que o seu "obxectivo" é que "non haxa orzamento" nin nas comunidades nin nos municipios, e que "o aquelarre orzamentario e político" que se dá no conxunto estatal "invada todas as administracións públicas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta