Debate sobre o futuro do galego: A Xunta asegura que se consolida como “lingua maioritaria” en Galicia

Tras a publicación por parte do IGE dos datos sobre o seu uso, A Mesa di que se constata “a falta de liberdade para vivir” neste idioma e a súa conversión "nunha lingua estranxeira no propio país".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/09/2019 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

Os datos que o Instituto Galego de Estatística (IGE) fixo públicos este venres sobre o coñecemento e uso do galego da Enquisa estrutural a fogares de 2018 están dando moito que falar, tanto, que as valoracións son completamente diverxentes en función de quen as emita. Así, mentres que para a Consellería de Cutlura as cifras amosan que o galego se consolida como “lingua maioritaria” de Galicia, para a Mesa  “constatan a falta de liberdade para vivir en galego”.

Campaña 'Gústame o galego', da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua / ghafos.blogspot.com.
Campaña 'Gústame o galego', da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua / ghafos.blogspot.com.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez compareceu este venres para valorar os resultados. O conselleiro cualificounos de “positivos”, por canto é a primeira vez, desde que en 2003 se comezara a publicar este estudo, en que medra o número de persoas que fala o galego de maneira habitual. “Hoxe falan galego máis persoas que hai cinco anos”, cando se realizou o último estudo.

Román Rodríguez destacou, á espera de analizar polo miúdo toda a información que hoxe publicou o IGE, o incremento de máis de dous puntos dos pais e nais que lles falan o galego aos seus fillos, un feito que favorece a transmisión familiar da lingua. Ademais, recordou que Galicia segue sendo a comunidade autónoma que asegura uns maiores índices de coñecemento da lingua propia cooficial. “As cifras amosan que estamos ante un escenario sociolingüístico positivo, que reflexa un modelo de convivencia no uso das linguas”, afirmou. De feito, en eidos como a competencia escrita, acádase unha porcentaxe histórica de 86,79%.

Tamén suliñou que medra lixeiramente a porcentaxe de persoas galegofalantes, entendendo por tales as que falan só o galego e máis galego ca castelán, ata chegar a sumar un 51,88% da poboación (fronte ao 50,90% da enquisa anterior, correspondente a 2013).

“FALTA DE LIBERDADE PARA VIVIR EN GALEGO”

Pola súa banda, a Mesa destaca que os datos constatan a “falta de liberdade para vivir en galego”. Así, di que o informe do IGE apunta a unha perda continuada de falantes, especialmente no ámbito urbano, e mais a diglosia nas relacións sociais, cunha importante baixada do número de persoas que empregan só o galego en servizos docentes (23,48%), sanitarios (27,88%), administrativos (29,30), bancarios (28,72%) ou comerciais (30,27%). 

"Unha situación favorecida", denuncia o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, "pola vulneración de dereitos lingüísticos e pola exclusión do idioma de Galiza de grande parte dos ámbitos de uso e pola imposibilidade de devolución, oral ou escrita".

"Esta nova enquisa do IGE proporciona un novo dato aterrador sobre as consecuencias do mal chamado decreto de plurilingüismo", recorda Maceira a través dun comunicado. No tramo de idade no que se aplica o decreto, entre 5 e 15 anos, o 30,04% recoñecen non saber escribir galego, o 18,32% non saber lelo e o 23,9 % non saber falalo, o que supón un incremento do 8,42%, do 4,06%, e do 7,6% (respectivamente) sobre os datos recollidos no 2008..

"Á vista do datos", afirma Maceira, "a efectividade do decreto contra o galego é indiscutíbel”. Dende A Mesa, advírtese de que a única maneira de reverter esta situación é garantindo o galego como lingua vehicular do ensino, posibilidade anulada polo Partido Popular con consecuencias terríbeis para o alumnado galego.

"A presenza e tratamento do galego en Galiza, incluído o ensino, é o dunha lingua estranxeira", denuncia o presidente da Mesa, "só as persoas galegofalantes se ven forzadas a mudaren de lingua". "É este o equilibrio do que se gaban o PP e o presidente da Xunta? É esta a liberdade para o galego?", pregunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 uu1

Consolida-se!!! Nos menores de 15 anos que falam só galego ou mais galego que castelhano é o 26 per cento. E não acabo de ver que isto signifique a consolidação do galego como língua maioritária porque que eu saiba 26 é menor que 74, e esta é a tendência,

1 Carolina Nettles

E vostede, en que lingua está a escribir? Esas variantes extremistas só afastan a posibilidade de que o galego se consolide.

1 PTG

Crece porque somos unha comunidade de vellos. Os novos pasan del.