Temas: DEBATEDOPAíS

O Debate sobre o Estado da Autonomía pecha coa confrontación con Sánchez e o futuro de Feijóo en primeiro plano

A falta de consenso en asuntos claves como violencia machista e débeda marca unha cita na que a oposición ve a Feijóo cun proxecto "esgotado".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2019 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

O último Debate sobre o Estado da Autonomía da X Lexislatura pechouse este venres co futuro de Alberto Núñez Feijóo, que encara o último ano do seu terceiro mandato, e a confrontación da Xunta co Goberno central --que alcanza agora mesmo o seu máximo expoñente no reclamo dos 700 millóns de financiamento— en primeiro plano.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Debate sobre o Estado da Autonomía 2019
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Debate sobre o Estado da Autonomía 2019 | Fonte: Europa Press

Un ano máis, aínda que a conta numérica roldou as sesenta propostas aprobadas, a falta de consenso en asuntos claves marcou a principal cita sobre política autonómica do ano, na que os populares como grupo maioritario replican os anuncios de Feijóo. Este ano, co transfondo do recente triplo crime de Valga, o foco queda sobre a falta de acordo ao redor da loita contra a violencia machista.

E é que saíu adiante a proposta do PP —unha condena que rexeita as posturas negacionistas pero tamén censura os intentos de "patrimonialización partidista" dos avances na loita contra a violencia machista—, co rexeitamento do Grupo Mixto que ten a Luís Villares (En Marea) como portavoz, e a abstención de PSdeG, BNG e o Grupo Común da Esquerda.

Do PPdeG tamén se aprobou unha resolución, a que figuraba como número un en todo o seu elenco de propostas, na que urxen ao Goberno que lidera o socialista Pedro Sánchez a transferir a Galicia os 700 millóns que reclaman polas entregas a conta, a devolución dunha mensualidade do IVE de 2017 e incentivos por cumprir as regras de estabilidade financeira.

Pero tampouco aquí foi posible a unanimidade. O BNG e o Grupo Mixto votaron xunto ao PP, pero o Grupo Común da Esquerda e o PSdeG abstivéronse. Previamente, na rolda de posicionamentos políticos da última xornada do debate, o viceportavoz popular Miguel Tellado instara ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, a pór Galicia "primeiro", antes do partido.

En todo caso, aínda que se ratificou nas votacións, as negociacións que se sustanciaron o día anterior ata entrada a noite entre os distintos grupos parlamentarios, xa anticipaban que non habería espazo para a unanimidade nestes asuntos nun Pazo do Hórreo, sede do Lexislativo galego, no que o clima preelectoral se deixou sentir desde o discurso de Feijóo.

AUTONÓMICAS Á VISTA

Un clima preelectoral que determina a nova convocatoria das eleccións xerais do próximo 10 de novembro, pero non só, porque os distintos grupos deixaron adiviñar cales serán os seus principais argumentos e 'cabalos de batalla' nunha precampaña que se augura longa, tendo en conta que o presidente aproveitou o seu discurso para ratificar que a súa intención é esgotar mandato.

Así, todos os grupos da oposición trataron de evidenciar que o proxecto de Feijóo está "esgotado". "O seu tempo político acabouse", proclamou o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, na súa estrea nun debate de política xeral, no que Antón Sánchez (Grupo Común da Esquerda) e Ana Pontón (BNG) recorreron ás súas críticas habituais pero, se cabe con máis intensidade.

No polo oposto, Feijóo agradeceu o ton de Luís Villares (Grupo Mixto), co que despois pechou unha decena de acordos. Con todo, tamén os dirixentes de En Marea incidiron en que as actuais políticas da Xunta só contribúen a "deixar en crises a Galicia".

Pola súa banda, se o presidente galego non dubidou en empregar algunhas das súas proclamas de campaña como "en Galicia si" ou "falar facendo", os populares cebáronse coa "inestabilidade" da que culpan a Sánchez mentres reivindicaban o modelo de Feijóo. Os 'paus' ao Executivo central adivíñanse tamén como un posible instrumento de campaña, aínda que a situación podería cambiar se o 10N leva a Pablo Casado á Moncloa.

Pero ademais da confrontación co Goberno central, os populares levaron ao Pazo do Hórreo as súas críticas ao bipartito que deixou San Caetano hai dez anos. "Un cuadripartito sería terrorífico", foi o argumento, mentres Feijóo insistiu en que a "alternativa" da oposición só se traduciría en levar a Galicia á "inestabilidade" que hai agora no Estado.

FUTURO DE FEIJÓO

E coas autonómicas á vista, á marxe de resolucións e anuncios como a gratuidade das gardarías a partir do segundo fillo desde o primeiro trimestre de 2020 (o compromiso máis destacado da primeira xornada), o foco mediático volveu, unha vez máis, ao futuro de Feijóo, quen reafirmou que o seu compromiso con Galicia está "máis vixente que nunca" e trasladou que os galegos poden "contar con el".

Un día máis tarde, tras a reunión do seu Goberno, Feijóo ratificouse no dito pero matizando que o seu compromiso é indiscutible, aínda que o tería igualmente se deixase o cargo, e asegurou que cando toque clarificar se presenta candidatura para optar a un cuarto mandato —no primeiro trimestre do ano que vén— dirao "de forma clara e diáfana".

Con independencia das palabras do presidente, a quen gusta marcar os tempos e moverse na ambigüidade, a lectura dentro e fóra do hemiciclo, e dentro e fóra do seu partido é que alimenta a opción de que volverá presentarse.

Temas: DEBATEDOPAíS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta