Un videoclip de Paco Gallego nos festivais de Cans e Vigo

O videoclip "Under the Drizzle" do responsable de GC Tendencias, sobre tema musical da artista Cardigan Bridge, forma parte da selección oficial da IX edición do Festival de Cans e da I do Primavera do Cine en Vigo

Por Galicia Confidencial | Porriño - Vigo | 17/05/2012 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Se a comezos desta semana se deu a coñecer a programación completa do IX  Festival de Cans, que se celebrará entre o 23 e o 26 de maio e onde se presentaron 166 producións a concurso, a quenda onte foi para o I Festival Primavera do Cine en Vigo, do 30 de maio ao 2 de xuño, unha iniciativa novidosa que procura o asentamento dun potente festival de cine na cidade de Vigo. Nesta primeira ocasión presentáronse 130 obras.

None

O videoclip "Under the Drizzle", sobre tema musical de Cardigan Bridge, resultou seleccionado nos dous festivais. Cardigan Bridge -alter ego artístico de Rebeca Ponte- está a abrise un oco grazas ao seu pop-folk preciosista. O seu primeiro disco, On the windowsill, inclúe esta peza  cuxo videoclip fora unha produción da revista musical dixital Axitpop, unha iniciativa de comunicación do responsábel de GC Tendencias, Paco Gallego.

Se curioso é que esta primeira produción musical do seu director sexa seleccionada para dous festivais tan dispares entre si, xa que o de Cans está actualmente consolidado como o máis importante de Galicia e o seu coñecemento traspasa as nosas fronteiras, en tanto no caso do Primavera de Cine en Vigo estamos ante un evento que haberá de consolidarse no tempo, máis curioso resulta a forma en que o noso GC Tendencias se enteirou de que o seu traballo fora seleccionado.

"Resaca das Letras 2012"

A xornada previa á celebración do Día das letras galegas fora intensa para o coordinador do GC Tendencias de Galicia Confidencial. Durante a mañá, participara nunha mesa redonda organizada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, dentro da xornada "Resaca das Letras 2012". Alí, en representación deste diario, e acompañado no debate por xornalistas de diferentes medios de comunicación en galego, debateuse sobre o futuro da prensa no noso idioma.

None

Galicia Confidencial: En que momento descobres que o teu traballo foi seleccionado para estes dous festivais?

Paco Gallego: Foi alucinante. Creo que case mato do susto ao pobre Alonso Montero. Estábamos no comedor da Facultade compartindo mesa e mantel, tanto as persoas que participáramos na mesa redonda da mañá como alumnos/as e profesores organizadores desta "Resaca das Letras 2012". Curiosamente, o señor Alonso Montero estaba por alí e quixo comer con nós. Todo un detalle da súa parte.

Galicia Confidencial: Falas do Catedrático de Literatura Galega...

Paco Gallego: Si, claro. Eu estaba sentado xusto á súa esquerda. Nun momento determinado, lembrei que se dera a coñecer a programación do Festival de Cans, onde eu presentara este videoclip. O asunto é que vira a nova durante a mesa redonda nun dos medios presentes no debate, Disquecool. Entrei na páxina do Festival só por ver qué se seleccionara, xa que non recibira nin correo nin chamada e entendía que, como era de agardar, o "Under the Drizzle" non fora seleccionado. é unha produción moi modesta.

Galicia Confidencial: Pero resultou que si que o fora...

Paco Gallego: Resultou que peguei un chimpo na mesa e comecei a erguer os brazos e berrar alí mesmo. Toda a xente quedou en silencio mirándome. Alonso Montero estupefacto. Alguén preguntou: "Paco, estás ben'?", e tiven que pedirlles uns segundos de tempo para recuperarme e contar o que acababa de saber: que estaba seleccionado en Cans competindo contra uns traballos que asustan en canto a calidade técnica e musical. Para min, esa selección en si mesma é un grandioso premio. Algo inesquecible.

Imaxe tomada por Francisco Otero durante a realización do videoclip (fonte Axitpop)

Galicia Confidencial: Pero non foi a única sorpresa do día...

Paco Gallego: Non. Xa moi de noite na casa, de madrugada máis exactamente, pensando en todo isto que pasara, lembrei que presentara o videoclip ao Primavera do Cine en Vigo, xa que me parecera unha iniciativa interesantísima que había que apoiar, e de feito faláramos deste evento desde as nosas páxinas de Galicia Confidencial. Eu pensei: "mira que se xa se anunciou a programación de Vigo e tampouco mandaron correo avisando...". Entrei na súa web e cal foi a miña sorpresa cando na sección de videoclips vexo de novo, por segunda vez no día, o meu nome e o título da canción fermosísima de Cardigan Bridge. E xa non durmín.

Galicia Confidencial: A quen llo contaches primeiro?

Paco Gallego: A Rebeca/Cardigan. Era de xustiza. Ela confiou en min cegamente á hora de encargarme este traballo. Despois a Francisco Otero, o meu axudante de dirección e cuñado. En fin, a partir de aí ás persoas que quero, como podedes supoñer. Todos estamos moi contentos.

Galicia Confidencial: Que momentos de toda esta historia, aparte do instante en que coñeces a selección de "Under" para estes festivais, son para ti xa imborrables?

Momento do retoque das perdas de pintura dun dos astronautas(fonte Axitpop)

Paco Gallego: Moitos. Moitísimos. Ir con Fran Otero ata Pradorrey, perto de Astorga, na procura dalgún terreo de aparencia marciana, pero sen unha localización precisa. Ao chou. Aparcamos no sitio correcto porque había unha parrillada. Os monecos, que resultaba que perdían a pintura americana branca segundo os ías movendo, houbo que ilos repintando de escena en escena (ver imaxe superior). Unha tortura inesperada. O sol e as nubes non pararon de fastidiarnos a luz. Ou que fomos alí sen gorros, o cal case nos provoca unha insolación. A entrada trunfal na Parrillada, manchados de terra laranxa da cabeza aos pés e cos risos da xente que estaba comendo é outro momento imborrable. A gravación con Rebeca en Oza dos Ríos, a casa da miña nai...Ao final da rodaxe houbo comida en familia e logo tocamos un par de temas, ela á guitarra e eu á concertina. Moitos momentos, xa vos digo...

Unha relato entre o histórico e o freak 

O videoclip do tema "Under the Drizzle"  mistura a carreira espacial de soviéticos e norteamericanos con imaxes da artista nunha contorna rural coidada e mais os delirantes momentos dos dous astronautas que encabezan a primeira misión a Marte, bandeira anarquista incluída, e que foron rodados empregando a stop motion máis simple que se poida imaxinar. Estes monecos foron preparados como astronautas a partir de coloristas guerreiros do espazo, e son toda unha curiosidade: dous modelos Madelman 2050 do ano 1989 xa desaparecidos e que supuxeron o intento da casa responsable dos famosos Madelman, EXIN, de chegar a un público máis cativo reducindo o tamaño das figuras.

Dous festivais con semellanzas e diferenzas

Aínda que a primeira vista o esquema de festival proposto tanto en Cans como en Vigo garden certas semellanzas, o certo é que no caso do porriñés pódese asegurar que xa se fixo un oco entre os grandes festivais adicados a curtas de todo o Estado. Esta IX edición conta con producións curtas e longas de directores de prestixio, como é o caso do recentemente proclamado Presidente da SGAE, Antón Reixa, Héctor Carré ou Ignacio Ferreras, director de "Arrugas". 

En referencia ao proceso de selección do Primavera do Cine en Vigo, Ana Laura Pereiro, Coordinadora do Festival e membro de Reencanto Producións, destacou na presentación da programación o traballo e a profesionalidade do equipo do Festival: “traballouse cun baremo no que se puntuaron tanto a calidade técnica das obras coma os contidos, a orixinalidade expresiva e o respecto aos valores”.

Galicia Confidencial xa lle adicara un espazo a esta modesta pero simpática produción, así como aos proxectos en vídeo de Baldosa Amarilla ou Linda Guilala, tamén seleccionados para o Festival de Cans.

None
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Comandante

Paco, es un Crack.

1 Paco Gallego

Grazas, Comandante! Paso recado!!! ;)