O comité de crise das Pontes estuda convocar unha folga xeral para o próximo 16 de outubro

Este mércores está prevista unha reunión entre representantes de traballadores e o Ministerio de Transición Ecolóxica.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2019 | Actualizada ás 16:19

Comparte esta noticia

O comité de crise reunido este domingo nas Pontes  estuda a convocatoria dunha folga xeral no municipio para o vindeiro mércores 16 de outubro para protestar ante o anuncio de peche da central térmica de Endesa.

Así o trasladou  este domingo o alcalde das Pontes e presidente da Deputación, Valentín González Formoso, tras participar na reunión do comité de crise á que asistiron tamén partidos políticos da corporación, sindicatos e colectivos sociais.

A folga que se planea para o próximo 16 de outubro complementarase cunha caravana de vehículos en Madrid. Precisamente, a capital do Estado acollerá este mércores unha reunión de representantes dos traballadores co Ministerio para a Transición Ecolóxica.

O comité de crise reunido este domingo mantén a convocatoria de folga como unha idea que se paralizaría se o mércores o Goberno dálles "saídas concretas" ante a decisión de Endesa. "Pero, en principio, como non contamos con iso, emprenderemos esa acción", sinala González Formoso.

O máis inmediato será, por agora, que este luns haberá en Ferrol unha reunión de alcaldes das comarcas de Ferrolterra, Eume, Ortegal, A Mariña e Terra Chá, á que tamén asistirá o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña.

Xa o martes, está previsto que máis de 800 vehículos partan en caravana desde o municipio ata A Coruña. Neste sentido, Valentín González Formoso quixo "animar á xente" a "secundar" esta mobilización na que participarán non só transportistas de carbón, senón tamén persoas particulares.

Manifestación nas Pontes en defensa do emprego na central
Manifestación nas Pontes en defensa do emprego na central

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta