Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2019 | Actualizada ás 17:09
A Consellería do Mar vai instalar un radar para medir os efectos das ondas durante temporais no porto de Malpica co fin de buscar solucións para mitigar os riscos derivados das correntes na dársena interior.
Esta medida chega despois dos últimos sinistros rexistrados no porto de Malpica, como no que faleceu o patrón do 'Silvosa' a finais de 2018 cando a embarcación naufragou na súa saída da dársena.
Na comisión de Pesca do Parlamento galego, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, sinala que se busca analizar a influencia das ondas longas, sobrelevacións que non se perciben a primeira ollada, sobre as que é necesario identificar o seu período e amplitude que producen a resonancia na dársena para acometer solucións.
Ademais da instalación do radar, o proxecto MarRisk de Meteogalicia estudará as ondas co obxectivo de diagnosticar a probabilidade de que se produzan e provoquen resonancia na dársena interior cunha antelación de 72 horas.
Lenguas explica que se trata dun asunto complexo, dado que as ondas que se producen co mal tempo non se tiveron en conta no deseño do abrigo dos portos ata hai poucos anos. De feito, a dársena interior de Malpica data de 1952.
Así mesmo, sinala que o ente público tivo varias reunións coa confraría de pescadores para buscar posibles solucións, mentres técnicos realizaron visitas a Malpica para facer medicións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.