A grave situación da industria e a venta de Povisa centrarán o próximo pleno

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, comparecerá para falar sobre As Pontes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2019 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

A situación do sector industrial de Galicia centrará o próximo pleno da Cámara galega, unha sesión que incluirá a comparecencia do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, para abordar o peche da central térmica das Pontes.

Este pleno, que terá lugar os días 8 e 9 de outubro, tamén incluirá o debate do teito de gasto, previo á aprobación dos orzamentos autonómicos; así como o inicio do trámite parlamentario da Lei de garantía de abastecemento en situacións de seca e riscos sanitarios presentada polos populares galegos.

Todo iso nunha sesión na que, segundo avanzaron os portavoces parlamentarios, outro dos principais asuntos que se abordará será a posible venda de Povisa.

Reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo
Reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

REACCIÓNS

Tras a reunión da Xunta de Portavoces que marcou a orde de día do próximo pleno, o primeiro en comparecer ante os medios foi o deputado do Grupo Común da Esquerda, Manuel Lago, quen considerou que Núñez Feijóo é "un covarde" porque "non se atreve a comparecer" para falar da "crise" de Endesa e "envía ao conselleiro de Economía".

Tamén centrará a súa pregunta ao presidente na "grave crise industrial" que atravesa Galicia o BNG, cuxa viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil preguntouse "que máis ten que pasar" para que Feijóo "compareza" na Cámara.


Pola súa banda, o portavoz do Grupo Mixto Luís Villares censurou que esta situación "non baste" para que o presidente da Xunta acuda a dar explicacións á Cámara e propuxo que o próximo debate orzamentario inclúa a previsión dun mapa de transición sustentable en Galicia para que "comarcas como As Pontes e Cerceda teñan oportunidades de desenvolvemento industriais".

Pola súa banda, o portavoz parlamentario dos socialistas galegos, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou que o seu grupo non asinou a petición de comparecencia de Feijóo ao considerar que o presidente da Xunta "está en campaña". Con todo, asegurou que o PSdeG prefería que fose o titular do Goberno galego o que acudise á Cámara a dar explicacións e considerou necesario pór encima da mesa "iniciativas que permitan sumar" e que non profunden na "confrontación política estéril".

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, puxo en valor a comparecencia do conselleiro de Economía para "dar conta da grave situación que xera a política do Goberno de España" en relación ás centrais das Pontes e Meirama.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta