As vítimas de Angrois denuncian que levan "365 días ignorados" polo ministro de Fomento

A plataforma, así mesmo, censurou que o titular de Fomento asegurase que ás vítimas só lles interesan as responsabilidades xudiciais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2019 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

A plataforma de vítimas do accidente de Angrois denunciaron que levan "365 días ignorados" polo ministro de Fomento, José Luís Ábalos, a pesar de que este asegurou que "recibiría" aos afectados polo accidente "cada vez que faga falta".

Nun comunicado remitido aos medios, a plataforma Vítimas Alvia 04155 lembrou que hai un ano solicitou formalmente unha reunión ao titular de Fomento para ver como avanzaban as propostas trasladadas, como a posta en marcha dunha investigación independente.

"É indignante que nin sequera nos conteste, máis aínda cando o pasado mes de xuño o señor ministro dicía que recibiría as vítimas cada vez que faga falta", asegurou a plataforma, que explica que, ante esta falta de resposta, pediron tamén unha reunión co presidente do Goberno, quen tampouco lles respondeu.

A plataforma, así mesmo, censurou que o titular de Fomento asegurase que ás vítimas só lles interesan as responsabilidades xudiciais. Así, lembroulle ao ministro que "en democracia existen tres tipo de responsabilidades: as penais, as técnicas e as políticas".

"As vítimas levamos seis anos esixindo que se depuren todas", subliñou a plataforma, que asegura que o trato que lles dá o ministro non é "nin democrático nin humano". "Máis aínda cando falamos de cargos públicos, cuxo principal obxectivo debe ser o de estar ao servizo da cidadanía e da verdade", indicou.

Por último, a plataforma censurou que, "tras seis anos de loita, 80 mortos e 140 feridos, aínda non hai unha investigación técnica independente". "A Unión Europea, nun durísimo informe, concluíu que o goberno non cumpriu de forma adecuada coa obrigación de investigar o accidente pola falta de independencia da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF)", apuntou.

Accidente do Alvia en Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo
Accidente do Alvia en Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta