O alcalde de Ourense anula a multa que lle puxeron por aparcar mal

Un decreto da Concellería de Seguridade Cidadá estima as alegacións do rexedor e a rectificación do axente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2019 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense retirou a multa ao alcalde Gonzalo Pérez Jácome por aparcar mal no seu primeiro día como alcalde. Así queda recollido nun decreto asinado pola concelleira de Democracia Ourensana responsable da área de Seguridade Cidadá, María del Mar Fernández Dibuja.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Europa Press.

O instrutor do expediente, un funcionario de carreira do Concello, foi o encargado de elaborar a proposta de resolución que ditamina que "non procede a sanción", despois de que o rexedor fixese as alegacións oportunas.

Concretamente, Gonzalo Pérez Jácome alegou que o vehículo non fora utilizado por el aquel día, posto que "se dirixiu camiñando ao Concello", segundo explicou este xoves o portavoz da Xunta de Goberno Local, Miguel Caride.

Ademais, o rexedor aludiu que o vehículo podía estar aparcado na rúa Barreira, nas inmediacións da Praza Maior, porque conta cun cartón de prensa ao estar asignado a Auria TV, a canle de televisión local que el mesmo xestiona.

O propio axente da Policía Local que formulou a denuncia, unha vez consultado por mor da apertura do expediente, confirmou que "efectivamente o vehículo estaba aparcado na zona que habitualmente utilizan os coches de prensa", segundo sinalou Caride.

A este respecto, o portavoz estimou que "o que houbo en realidade foi un malentendido" e que "os problemas de Ourense non se resolven perseguindo ao alcalde", como tampouco viu "ningún sentido" en criticar a actuación da edil de Seguridade Cidadá ao "estar a cumprir coas súas competencias".

EXPEDIENTE INTERNO AO AXENTE

En canto ao expediente interno aberto, concretamente ao axente que puxo a multa, Caride indica que se debe a que o mesmo "non tiña asignada ese día esa zona para o seu servizo".

"O axente saíuse da súa zona e foi precisamente á procura do vehículo, o cal supón unha actuación fóra da imparcialidade que se lle esixe e detrás da que puidese haber algunha intencionalidade", explicou para xustificar a apertura dunha investigación interna.

Por outra banda, Miguel Caride tamén respondeu ás críticas do BNG que aluden á "nulidade de pleno dereito do acto" e explicou que "se o procedemento continúa correctamente non existe nulidade". "Tanto o alcalde como a edil resolveron o que propón o Servizo, porque pola contra nos atopariamos nun caso de prevaricación", concluíu Miguel Caride.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Sentidiño

Xan Duro, concelleiro de Tráfico de Compostela Aberta, fixo o mesmo o ano pasado. No seu caso (unha multa de 400 euros) había un erro, pero el asinou a anulación directamente, en lugar de absterse.

2 anonimo

Falabarato é unha verba moi aparopiada para Jácome, un inviduo cuio único curriculum, seica, é organizar carreiras de " subida de edifcios" e ter unha tenda de non sei qué. ¿ E por qué a xente votará a este individuo? E infantil, o que fala non ten contido, e notáselle un odio cara todo o público ¿ Seica o votarán porque non se afeita ? Non sei, os ourensáns que o votan debeno saber.

1 Moine

O neo-fascismo, por moi aborigem que seja, sempre fai o mesmo; cacicadas e chanchulhos para favorecer aos falabarato que estám governando o concelho de ourense. Pobre Ourense, sempre em maos de analfabetos e caciques.