Gonzalo Caballero critica un PP "botado á ultradereita" logo do "falaz" discurso de Feijóo reivindicando a centralidade

O secretario xerla do PSdeG tamén lamentou que "este Pablo Casado, que o único que fixo foi deixar barba, siga pactando con Vox".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2019 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou o "falaz" discurso que, ao seu modo de ver, pronunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ante o rei Felipe VI, ao reivindicar a moderación e a centralidade mentres que milita nun PP "botado á ultradereita" e que "pacta con Vox".

"É unha farsa e un engano", sentenciou Caballero, nun acto en Vilagarcía, onde se referiu, ante os medios, ás polémicas palabras da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, quen se preguntou se tras a exhumación de Franco arderían parroquias como no ano 36.

Neste escenario, Caballero tamén incidiu no "falaz" que resulta reivindicar a centralidade "mentres se milita nun PP que se escandaliza por retirar ao ditador dun lugar de exaltación pública" e sinalou que as "incendiarias" palabras de Díaz Ayuso, das que Feijóo "non se desmarcou", son "inadmisibles nunha democracia avanzada".

POLÍTICAS ARANCELARIAS DE TRUMP

Preguntado acerca de como incidirán nas empresas as políticas arancelarias de Donald Trump, replicou que o PSdeG rexeita "o modelo político, económico e ideolóxico" do presidente de Estados Unidos, que leva "retrocesos en todos os ámbitos".

Neste punto, lamentou que "este Pablo Casado, que o único que fixo foi deixar barba, siga pactando con Vox e coa ultradereita" e ratificou que os socialistas rexeitan de plano os modelos ou políticas de dirixentes como Trump ou Salvini, "sen compracencias" nin "porse de perfil".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelou ao presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, para que os populares deixen de "atrancar" a renovación "democrática" da Macomunidade do Salnés.

PROBLEMAS DA SANIDADE NO SALNÉS

"Feijóo debería cesar ao alcalde de Vilanova (Gonzalo Durán)", advertiu o dirixente socialista, nun acto en Vilagarcía, onde remarcou que a mancomunidade necesita "un novo tempo" despois da "maioría progresista" que saíu das urnas nas últimas eleccións municipais. Así, apelou a pechar a porta dunha etapa "nefasta, insolente e faltona" e lembrou que o PP "non é o dono das institucións".

Na súa intervención, Caballero acusou a Feijóo de "dar as costas" aos veciños do Salnés e puxo o foco na sanidade, convencido de que os dez anos do PPdeG nas urnas só serviron para "recortar e privatizar" nesta área.

"Cando haxa un goberno progresista na Xunta, garantiremos a calidade da sanidade pública", comprometeu e repasou outros problemas dos veciños da zona como a falta de residencias de maiores ou as dificultades no ámbito educativo para pagar os libros de texto.

"DOUS MESES SEN PEDIATRA"

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, agradeceu a visita do secretario xeral do PSdeG para coñecer "de primeira man" os problemas dos afectados polas "altas listas de espera" no Hospital do Salnés.

A continuación, a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, lamentou a "falta de médicos" que padeceu o concello durante todo o verán e denunciou que, aínda a día de hoxe, a localidade leva "dous meses sen pediatra". "Levamos tres requirimentos á Xunta, pero nin contestan", manifestou, moi crítica coa "falta de respecto" que supón non só para o Consistorio, senón para os veciños de Meis.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta