Común da Esquerda asegura que "non será un obstáculo" para formar unha alternativa ao PP en Galicia

Luca Chao (Podemos Galicia) insta o PSdeG a que se "sitúe" e explique "cal é a súa postura" de cara ás eleccións do 2020.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2019 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

A deputada do Grupo Común da Esquerda Luca Chao asegurou que o seu grupo parlamentario, no que conflúen Podemos, Esquerda Unida (EU), Anova e mareas municipalistas, "non será un obstáculo" para conformar unha maioría "alternativa" ao PP tras as eleccións galegas previstas para setembro do 2020.

A deputada de Común da Esquerda Luca Chao
A deputada de Común da Esquerda Luca Chao | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, Chao instou ao PSdeG, con Gonzalo Caballero xa nomeado candidato á Presidencia da Xunta, a "explicar cal é exactamente a súa postura" de cara ás negociacións para desprazar os populares do Goberno galego.

"Nós temos clarísimo que a alternativa a Feijóo pasa por un acordo entre as forzas que estamos na oposición —actualmente, PSdeG, Común dá Esquerda, BNG e En Marea a través do Grupo Mixto—. Por nós non vai quedar nunca", resumiu a tamén integrante da dirección de Podemos Galicia.

Neste contexto, insistiu en que os socialistas deben dicir "claramente onde se sitúan", se "no diálogo" ou nunha vía "unilateral e de pouco percorrido" como a de Pedro Sánchez, o que levou a unha repetición electoral.

En calquera caso, a un ano vista deses comicios autonómicos, o espazo rupturista galego que en 2016 se presentou baixo a marca En Marea —da que se desligaron os agora integrantes do Grupo Común da Esquerda— aínda non aclara con que fórmula concorrerá a esa cita coas urnas. Luca Chao cre que "en ningún caso" haberá dificultades para tecer unha alianza: "A experiencia demostra que é posible".

Sobre se conseguirán reeditar unha candidatura única entre Podemos, EU e Anova, dixo que só falta "encaixar as pezas" e que "o importante é que hai vontade" e "diálogo permanente", xa que comparten grupo no Pazo do Hórreo con "entendemento absoluto".

ELECCIÓNS XERAIS

No entanto iso, os nacionalistas de Anova descartaron a pasada semana unirse á plataforma de Galicia en Común para as eleccións xerais do 10 de novembro ao non alcanzar un acordo con Podemos nin EU.

"Lexitimamente decidiron manterse á marxe, non nos gusta opinar respecto das decisións electorais que toman outras forzas", asentou Chao sobre o partido fundado por Xosé Manuel Beiras.

Respecto á decisión de En Marea de rexeitar concorrer ás eleccións xerais do próximo 10 de novembro por ir en solitario, a integrante de Podemos mostrouse "sorprendida" coas chamadas do partido de Luís Villares a unha lista única de forzas progresistas: "Que pola mañá queiras pactar co BNG e pola tarde con Más Madrid é un pouco raro".

Sobre a iniciativa do exfundador de Podemos Íñigo Errejón, que presentará candidatura pola Coruña e Pontevedra para o 10N maioritariamente con exintegrantes da formación morada, Luca Chao rexeitou valorar o que deciden "outras forzas" que "lexitimamente deciden concorrer" ás urnas cun proxecto que xa "non comparten".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 FPG

Como para fiarnos de vos. Seguro que habedes de querer os carguiños. A ti Luca darémosche a dirección xeral de turismo para que podas vender hamburguesas e perritos no Camilo de Santiago. A Paola Quintero darémoslle unha consellería con edificios sen ventanas ( xa sabemos o por qué). Pouco a pouco ides ir desaparecendo