Feijóo culpa o PSOE da crise da industria galega

O presidente da Xunta volve reclamar ao Goberno central os 700 millóns que debe a Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2019 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pronunciouse este domingo sobre a situación do sector industrial galego, que está a afrontar diversos problemas en todo o territorio. Unha situación que ao seu xuízo "non é casualidade, senón causalidade" e esa "causa é o PSOE".

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente do PP, Pablo Casado, en Oleiros
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente do PP, Pablo Casado, en Oleiros | Fonte: Europa Press

Así o manifestou o xefe do Executivo galego este domingo en Oleiros (A Coruña) durante a súa intervención nun encontro que reuniu a diferentes representantes e simpatizantes do Partido Popular e ao seu secretario xeral a nivel estatal, Pablo Casado.

Para Feijóo, a problemática que sofren as industrias galegas —en referencia a Alcoa, Ence, Megasa, Navantia e, na máis recente actualidade, o peche inminente da central térmica das Pontes (A Coruña)—, son froito da actitude dun PSOE, que "nunca creu en Galicia".

Con todo, ao seu xuízo, o Goberno de Sánchez non só é a causa do "desmantelamento" tecido industrial que sofre Galicia, senón tamén da desaceleración económica, a "asfixia financeira", do feito de que se fale de "aumento do desemprego no canto de paro" e, sobre todo, da repetición dunhas novas eleccións.

Ante esta situación, desde a súa posición, Feijóo aparece como o adaíl da "defensa" de Galicia a través do razoamento, as propostas e o diálogo para "manter o que xa existe e ensanchar as posibilidades de futuro".

RECLAMACIÓNS PARA GALICIA

"Galicia necesita políticas e gobernos solventes", "estamos nunha situación de incomodidade", proclamou Feijóo á vez que aseverou que non quere "alarmar pero tampouco ocultar" as "incertezas" que creou o Goberno de Sánchez, durante o que "a única certeza foi a incerteza permanente e a inestabilidade".

Feijóo volveu a reclamar os 700 millóns de euros que o Estado debe a Galicia: "non pedimos máis pero non aceptamos unha rebaixa porque si".

Tamén rememorou a "baixada dos investimentos en Galicia" que presentaba Pedro Sánchez na proposta de Orzamentos Xerais de 2019, a "incerteza" sobre os prazos de finalización do AVE ou a negativa sobre a transferencia da AP-9".

Para o presidente do Goberno galego tamén urxe dar unha resposta ás comarcas que ven afectadas o peche das grandes industrias. No caso da central das Pontes (A Coruña), asegura que non se trata de "queimar carbón de forma indiscriminada", senón de "pedir un prazo" para evitar o peche inmediato que provocaría "o fin da centra, pero tamén da vila das Pontes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta