Pacto entre CxG e BNG para concorrer xuntos o 10N

As dúas forzas acordaron traballar xuntas de cara aos comicios nun pacto que se foi fraguando hai xa semanas. Os militantes de CxG aínda non recibiron confirmación oficial do pacto, a diferencia das comarcas do BNG. A decisión de non presentarse de Anova e En Marea visibiliza un fracaso interno e colectivo e deixan un campo electoral aberto que pode acrecentar aínda máis as opcións políticas con sede en Madrid.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/10/2019 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

As direccións de CxG e o BNG chegaron a un acordo a mediados da pasada semana para concurrir conxuntamente nas eleccións xerais, pero baixo as siglas do BNG. Este acordo, que xa foi comunicado a distintas asambleas comarcais do Bloque, non recibiu aínda o visto e prace do Consello Nacional de CxG.

Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos)
Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos) | Fonte: EP

Galicia Confidencial confirmou este pacto de distintas fontes consultadas de Compromiso e do BNG, aínda que a dirección de Compromiso non tería feito público o acordo ao seu Consello Nacional, a diferencia do Bloque. 

Segundo estas fontes consultadas, foi Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral de CxG e membros da dirección do Bloque, entre eles, Rubén Cela e Bieito Lobeira, os que terían negociado as condicións deste acordo. Un pacto que se fechou o pasado mércores pero que se estaba negociando desde había días, mesmo moito antes de que expirara o prazo para ir en coalición, o pasado luns.

A FÓRMULA

Así, o BNG tería deixado claro nestas conversas que non aceptaba ir en coalición con ningunha formación nacionalista e que a súa fórmula era a integración, como independentes, de militantes e dirixentes de CxG nas listas do Bloque. A mesma oferta foi a que tamén o BNG lle trasladou a En Marea pero que a formación de Villares rexeitou.

Ana Pontón e Luis Villares
Ana Pontón e Luis Villares | Fonte: EPG

O pacto, segundo as fontes consultadas, foi refrendado polas direccións das dúas formacións, pero non pola súa militancia. De feito, Compromiso por Galicia non tería informado aínda ao seu Consello Nacional. Remitiu unha mensaxe aos seus membros esta fin de semana indicando que a dirección “estaba negociando coas disintas forzas nacionalistas” pero sen concretar nada.

O acordo estipula que distintos candidatos de CxG –nomeadamente os que encabezaron xa as listas ás xerais do pasado ano-- concurran entre os postos cinco e dez das listas do BNG ao Congreso como independentes, e postos residuais para o Senado. Unha medida que implica, na práctica, a submisión de Compromiso nas siglas do BNG, xa que non concorre coa súa marca electoral.

A propia Ana Pontón estaría ao corrente destas negociacións. O pasado luns, e preguntada por GC se había conversas con CxG ou En Marea, suliñaba que o BNG non fai "público" con quen se reúne "ou non" ao mesmo tempo que descartaba unha alianza con En Marea alegando que o Bloque é "un proxecto sólido e solvente" que "ofrece unha candidatura de país para defender os intereses de Galicia".

"Para o que non está o BNG é para definir as súas posicións en base aos problemas ou leas que teñan outra forza nin ás cabazas que entre outras forzas se dean entre si. Somos un proxecto serio, e creo que se algo nos están dicindo os galegos é o seu 'non' á política do circo. Nós non imos importar o circo madrileño a Galicia", indicaba.

CxG “GALEGUISTA” PERO NON “SOCIALDEMÓCRATA”

Con todo, o consenso entre as dúas forzas chega logo das divisións existentes no III Congreso de CxG, celebrado a finais de setembro. Unhas divisións motivadas, en parte, pola eliminación da terminoloxía "socialdemocracia" da súa definición política para pasar a ser "galeguista, progresista e europeísta" e que se reflexaron na votación do informe de xestión da executiva, que saíu aprobado só polo 52% dos votos. 

Precisamente, esta viraxe ideolóxica de CxG estivo detrás da decisión de En Marea de non chegar a un acordo definitivo con ela xa que houbo sectores importantes da formación de Villares, principalmente do ámbito nacionalista, que consideraron que En Marea non podía renunciar aos seus principios de forza socialdemócrata, de esquerdas e nacionalista pactando con outra que renunciaba aos seus principios e viraba cara unha formación de dereitas.

O NACIONALISMO DIVIDIDO

A pesar deste acordo in extremis --e a falta de que sexa refrendado pola militancia-- entre o BNG e CxG, o certo é que o poder do nacionalismo en Galicia mingou considerablemente nos últimos anos, especialmente, tras a división do BNG logo da asemblea de Amio e a aparición, primeiro, de AGE e logo de En Marea. 

Esta semana, tanto Anova como En Marea anunciaron a súa decisión de non presentar candidaturas nas eleccións xerais do próximo 10 de novembro. Un paso atrás que deixa vía libre aos partidos con base en Madrid -- Unidas Podemos e Más País-- para recadar todo o voto progresista en Galicia á esquerda do PSOE. E serán milleiros de votos, se se cumpren os prognósticos das enquisas.

OPORTUNIDADES PERDIDAS

O nacionalismo galego perdeu dúas oportunidades: unha, a vía para formar unha gran coalición nacionalista e progresista entre todas as forzas con este selo (En Marea, BNG, Anova e Compromiso por Galicia). Fracasado o plan para conformar unha gran plataforma nacionalista galega, quedaba por ver que farían Anova e En Marea. E decidiron botarse a un lado. As dúbidas están en ver se o seu poder electoral cae do lado do BNG-CxG ou das dúas forzas que hoxe polarizan a loita por dominar o espazo á esquerda do PSOE en España: Unidas Podemos e Más País.

Anova Irmandade Nacionalista e En Marea comparten escusas: non concorrerán ás eleccións xerais do próximo 10 de novembro ao fracasar a súa chamada a artellar "unha fronte ampla" das "forzas de ruptura" e para así non contribuír á "atomización" da esquerda, din. Pero detrás dese discurso está non poder unirse e artellar unha alternativa política conxunta rupturista en clave nacionalista, ben entre eles, ou ben con todo o espazo nacionalista.

ESTRANGULADOS POR PODEMOS E A APARICIÓN DE MÁS PAÍS

A irrupción de Más País semella que foi o factor definitivo para que Anova e En Marea se acovardasen. Pero este paso atrás vén motivado de lonxe, a empurróns desde a dirección de Podemos.  

O poder de Pablo Iglesias como líder supremo fora determinante para que Podemos e Esquerda Unida se fixeran co control do espazo rupturista en Galicia, deixando a Anova, pero tamén aos villaristas, nun segundo plano, acantoados.

As diferenzas foron máis que evidentes no grupo conformado no Congreso en Madrid, onde a xa exdeputada de En Marea por Anova, Alexandra Fernández, votou na anterior lexislatura en contra dos Orzamentos do Estado defendidos polo PSOE e apoiados polos de Pablo Iglesias e que, obxectivamente, prexudicaban a Galicia. Fernández seguiu as directrices da dirección de En Marea en Galicia e votou en contra, mentres que o resto dos representantes de En Marea en Madrid (Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino, Ángela Rodríguez e Miguel Anxo Fernán Vello) seguiron a directriz do grupo confederal e votaron a prol. Nese punto sen retorno, o villarismo e Anova xa estaban sinalados e condenados por Podemos e EU.

Desde entón, a descomposición de En Marea avanzou tamén en Galicia até finiquitar o proxecto unitario. O cisma consumouse coa ruptura do grupo no Parlamento galego, cos villaristas emigrados ao Grupo Mixto —mantendo a marca En Marea—, ante a sublevación dos representantes de Podemos Galicia, Anova e Esquerda Unida contra a dirección do partido, á que non recoñecían.

O seguinte capítulo foi o cada vez maior acantoamento de Anova na nova coalición Grupo Común da Esquerda no Parlamento, e coa súa saída da coalición Galicia en Común, tras quedar os seus representantes relegados aos postos menos relevantes nas candidaturas das pasadas eleccións xerais deste bloque. Podemos e Esquerda Unida aseguráronse os postos de saída máis importantes, conseguindo os dous escanos que logrou a coalición, para Yolanda Díaz e Antón-Gómez Reino. O resultado para Anova foi cero.

Deste xeito, Anova percorreu un camiño paralelo ao dos villaristas, ao consumarse a estratexia de apartar as voces nacionalistas no espazo rupturista en prol dos líderes dos partidos estatais e afíns a Pablo Iglesias.

MÁS PAÍS CHEGA CON GANAS

Agora, a irrupción dunha segunda forza no mesmo espazo, liderada polos mediáticos Íñigo Errejón desde Madrid e Carolina Bescansa en Galicia, estrangula aínda máis a En Marea e Anova, que se deixaron comer o terreo —e os votos— até case facerse irrelevantes no debate público.

Acantoados polas forzas estatais lideradas por Pablo Iglesias e Íñigo Errejón, En Marea e Anova deixaron escapar a oportunidade de asegurar un espazo rupturista en clave progresista, rupturista e nacionalista, e agora retíranse do taboleiro de xogo para que esoutros colonicen definitivamente o seu territorio.

Queda por ver cantos dos milleiros de votantes daquel proxecto orixinario que foron En Marea e as mareas locais se apuntarán ás propostas de Unidas Podemos ou Más País; cantos se pasarán á única opción nacionalista que queda en Galicia, o BNG-CxG, ou ao partido dominante na esquerda, o PSOE; e cantos quedarán na casa ou se absterán ante a falla dunha alternativa rupturista con elementos nacionalistas, ou dunha verdadeira plataforma nacionalista galega que integrase as grandes forzas soberanistas do país.

Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral de Compromiso por Galicia
Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral de Compromiso por Galicia | Fonte: CxG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 31 comentarios

6 Lol

Quédome na casa, o meu será un voto menos para o BNG

5 Viravento

D.E.P. CxG Sempre marchan os mellores

4 Desfeita

CxG ten todo o dereito de virar á dereita (aínda que case a metade da súa militancia non o aprobe), e o BNG ten todo o dereito de preferir pactar cunha forza de dereitas que con dúas de esquerda que podían facerlle a competencia, e, amais, están "contaminadas" pola pasada ou presente colaboración coa esquerda non nacionalista. Pero que non se fagan ilusións, iso non lles devolverá a hexemonía no eido á esquerda do PSOE (un 25% dos votos), só asegúralles o voto madridófobo. O máis probable é que o 10-N Unidas Podemos, Más país e o BNG teñan cadanseu o 7-9% dos votos, o que significa que algúns (ou todos) quedarán sen escano por una manchea de votos.

1 xavai

A unica desfeita forn as Mareas, que so serviron de parvos utiles ao Coletas, agora o propio Coletas provocou que os que antes ian nunha candidatura hoxe vaian en 4 e dous grupos que nin se presentan. En fin temos que darlle a razon ao BNG cando dicia que iso non ia a ningures, a pesar de que eu estaba ilusionado coas mareas teño que recoñecer que o BNG tiña toda a razon respeito a elas, eu penso votar Bloque, por ser o menos malo de todos e o unico que esta centrado no País

3 Rui do

Caciques e marxistas-leninistas unidos. Méxome.

2 Papo pepeTa

Por fin un pouco de sentidiño