O Festival de Cine Internacional de Ourense conclúe cun "importante incremento" de asistencia

A organización avanza as datas para a próxima edición, que terá lugar do 25 de setembro ao 3 de outubro de 2020

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 07/10/2019 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

A 24ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) pechouse cun "importante incremento" na asistencia ás salas de proxección e actividades paralelas, con 14.349 asistentes fronte aos 8.316 do ano 2018, segundo explicaron desde a organización.

Balance da 24ª edición do Festival Internacional de Cinema de Ourense (OUFF).
Balance da 24ª edición do Festival Internacional de Cinema de Ourense (OUFF). | Fonte: Europa Press

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os directores artístico e técnico do festival, Miguel Anxo Fernández e Aurelio Gómez Villar, respectivamente, fixeron este luns balance da que cualificaron como "a edición máis potente da dilatada historia do OUFF".

No que respecta aos datos, por parte da organización fixeron referencia ás 92 proxeccións coas que contou esta edición, ás cales asistiron 9.024 persoas fronte ás 6.249 do ano 2018, producíndose de maneira xeneralizada "o esgotamento das entradas en practicamente todas as proxeccións oficiais".

Así mesmo, o presidente da Deputación de Ourense tamén fixo fincapé na "elevada participación no resto de seccións programadas", antes de definir ao OUFF como "o festival indubidable de Galicia" e un "centro de referencia do audiovisual nacional e internacional".

Tamén resaltaron o "éxito da vertente social do festival" que incluía os talleres impartidos por Xavier Bermúdez no centro penal de Pereiro de Aguiar, a vinculación coa Fundación Vicente Ferrer ou as accións ambientais, entre as que se inclúe a doazón a UNICEF dos 3.000 euros recadados coas proxeccións do ciclo 'Cinema e Auga'.

Neste contexto, por parte da organización mostráronse "satisfeitos" por "cumprir ao 100% co ambicioso programa previsto", pero tamén fixeron autocrítica ante o elevado número de persoas que quedaron sen a súa entrada e comprometéronse a "aumentar, na medida do posible, o número de salas".

PRÓXIMA CITA

A organización tamén adiantou as datas da próxima edición que será a vixésimo quinta e que terá lugar entre o 25 setembro e o 3 de outubro de 2020, coincidindo coa celebración do centenario da revista 'Nós'.

Neste contexto, Manuel Baltar avanzou que a 25ª edición do Festival terá como países convidados a Francia e Marrocos e, entre as súas novidades, contará con sesións matinais e apostará pola descentralización de datas e espazos.

"O OUFF veu para quedar", é a premisa que subliñou a organización do evento cultural. "Trátase dun festival que foi e debe seguir sendo o principio de algo moi importante para a provincia de Ourense", resaltou Aurelio Gómez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta