As vítimas de Angrois ven unha "ofensa" que o PP sitúe de número dous en Madrid a Ana Pastor

A plataforma asegura que a exministra de Fomento é "a persoa que máis traballou para tratar de ocultar as verdadeiras causas" da traxedia. A alcaldesa de Marín, María Ramallo, substitúea como cabeza de lista en Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2019 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

A plataforma de vítimas do Alvia 04155 sinistrado en Santiago en xullo de 2013 cualificou de "ofensa" a decisión do PP de situar no número dous da candidatura ao Congreso por Madrid á exministra de Fomento Ana Pastor, a quen acusan de ser "a persoa que máis traballou para tratar de ocultar as verdadeiras causas" da traxedia que deixou 80 mortos e máis dun cento de feridos.

Membros da plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia na curva de Angrois (Santiago de Compostela), ocorrido o 24 de xullo de 2013, concéntranse con pancartas de protesta (coas caras de Ana Pastor e José Blanco)  fronte ao Congreso
Membros da plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia na curva de Angrois (Santiago de Compostela), ocorrido o 24 de xullo de 2013, concéntranse con pancartas de protesta (coas caras de Ana Pastor e José Blanco) fronte ao Congreso | Fonte: Europa Press

As vítimas aseguran que "en calquera democracia que se prece", unha persoa co "currículo" da expresidenta do Congreso "non só non se presentaría ás eleccións, senón que o que faría é irse á súa casa pedindo antes perdón por toda a dor que xerou".

Nesta liña, afirman que Pastor "prometeu, tanto en privado como en sede parlamentaria, unha investigación técnica independente e plena colaboración coa xustiza". "Mentiu ás vítimas e á cidadanía", engaden.

Lembran que "diferentes autos" xudiciais apuntan á "falta de colaboración" coa xustiza por parte do departamento que entón dirixía a política pontevedresa, a quen acusan de "premiar" a "algúns dos responsables".

Así mesmo, apuntan que durante a súa etapa como ministra "presionou a UE tratando de ocultar un informe clave sobre a traxedia", que finalmente foi publicado e que arroxaba conclusións "demoledoras" contra a "verdade oficial" que "querían impor que se fixo unha investigación independente, que o maquinista era o único responsable e que o accidente non era de alta velocidade".

"Para Ana Pastor e o seu equipo os negocios eran máis importantes que buscar a verdade e depurar responsabilidades", engade a plataforma, que tamén subliña que durante a época de Pastor á fronte de Fomento se produciu a desconexión do sistema de seguridade ERTMS.

A ALCALDESA DE MARÍN OCUPA O SEU POSTO POR PONTEVEDRA

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, substitúe a Ana Pastor como cabeza de lista do Partido Popular en Pontevedra para as eleccións xerais do 10 de novembro. Así o anunciou este luns o presidente provincial do PP, Alfonso Rueda.

Segundo o vicepresidente da Xunta, o que para "outro partido" sería "un contratempo e un serio problema", no caso do PP é "unha oportunidade" para situar unha persoa "á altura de quen deixaba o posto" que, coa súa designación por Madrid, recibe "un recoñecemento á súa traxectoria, prestixio e valoración", abundou.

Rueda cre que a incorporación de Pastor á lista de Madrid fai que esta sexa "moitísimo máis potente" e agora espera que sexa "aínda máis atractiva" para o electorado de cara a "mellorar os resultados". "Somos optimistas e humildes; aquí non hai nin nada gañado nin nada perdido", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta