Santiago acenderá as luces de Nadal o 6 de decembro

Bugallo insiste en rexeitar a proposta do PP para baixar impostos: "Os cidadáns queren mellores servizos e que fagamos máis cousas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2019 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago acenderá a súa iluminación de Nadal na véspera da ponte da Constitución: o 6 de decembro. Ademais, un comité de expertos encargarase da avaliación das diferentes ofertas que cheguen a Raxoi.

Luces de Nadal en Santiago de Compostela
Luces de Nadal en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, explicou este luns que o "atraso" na elección da empresa encargada das luces deste ano se debe a que os orzamentos municipais se aprobaron en agosto de 2019 e "acaban de entrar en vigor". No entanto, para as próximas festas, tentarase "facer a convocatoria antes do verán".

Na reunión do goberno local, foron seleccionados como integrantes deste comité a directora da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago, Lourdes Pérez Castro; o xefe do servizo de Rehabilitación e Vivenda, Javier Fernández Muñoz; e o vicesecretario do Concello, José Manuel González García.

Unha vez adxudicado o alumeado, que pasa dos 100.000 euros de 2018, aos 180.000 de 2019, Bugallo dixo que se falará con asociacións de comerciantes para "harmonizar" as propostas estéticas de decorados e luces.

VIVENDAS DE PROTECCIÓN AUTONÓMICA

Así mesmo, o goberno local aprobou conceder unha licenza para construír un edificio de 41 vivendas, oito locais comerciais, 91 prazas de garaxe e 41 trasteiros en rúa Manuel Ceruelo, 4.

Neste contexto, Bugallo abordou que o seu goberno pretende sacar á venda dúas parcelas en 2020 para vivendas de protección oficial autonómica, porque "a demanda é ampla" e "segue habendo necesidade", pero "o sector construtor non demostra un excesivo interese".

Deste xeito, apelou a que o Goberno central "revise" as condicións para adxudicar este tipo de vivendas, xa que agora, tras unhas reformas efectuadas polo Executivo de Mariano Rajoy, "non se poden descualificar" como de protección oficial "ata pasado un prazo de 30 anos", o que "condiciona a moitas familias". Así, suxeriu que "10 ou 15 anos" sería o "razoable".

"BOA SINTONÍA" CON COMPOSTELA ABERTA

Por outra banda, o rexedor celebrou a súa "boa sintonía" con Compostela Aberta --o anterior grupo no goberno, con Martiño Noriega á fronte-- e dixo que "oxalá" continúen nesta tesitura de cara á aprobación doutros proxectos. "Oxalá sexa para máis cousas, pero sinceramente, con absoluta honestidade, non teño nin idea", continuou.

Bugallo tamén foi interpelado sobre as críticas da concelleira dste grupo Marta Lois contra a súa reunión coa plataforma One of Us, que se define como un movemento "en favor da vida" e a "protección" da familia entendida como o matrimonio entre un home e unha muller.

Respecto diso, o alcalde respondeu que "non sabía que eran grupos antiabortistas" e que o que fixo foi responder á chamada do exministro do Interior Jaime Mayor Oreja, preguntando se os podía recibir. "Eu reúnome e recibo a moita xente, o cal non significa que, necesariamente, comparta ou sintonice coas ideas desas persoas", subliñou.

ORDENANZAS FISCAIS

Noutra orde de cousas, e de cara á aprobación das ordenanzas fiscais do ano 2020, previstas para o pleno do 24 de outubro, o alcalde reiterou a súa negativa á proposta de "baixada xeneralizada de impostos" que traslada o PP --os socialistas non contan con maioría suficiente para sacala en solitario--.

"Nós (o PSOE) dixemos, desde o minuto uno, que non o podemos asumir. En 2020 non, porque queda á véspera do 2021, onde temos que acometer grandes actuacións", incidiu, coa vista posta no Xacobeo.

Ademais, Bugallo considera que unha baixada de impostos "non responde ao sentir" dos cidadáns, que queren "mellores servizos" e que o Concello faga "máis cousas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta