Créanse menos empresas en Galicia, pero tamén diminúe o número das que se disolven

Estas cifras sitúan Galicia cun descenso menos acusado que a media española.

Por E.P. | VIGO | 09/10/2019 | Actualizada ás 10:58

Comparte esta noticia

O número de sociedades mercantís que se crearon en Galicia durante o pasado mes de agosto situouse nas 221, o que supón unha diminución do 6,8% en comparación co mesmo mes de 2018, mentres que as empresas que se disolveron neste período de tempo foron 55, un 17,9% menos que en agosto do ano pasado.

De acordo cos datos difundidos este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos por Europa Press, a pesar da diminución na creación de empresas en Galicia, estas cifras sitúan Galicia cun descenso menos acusado que a media española, xa que a nivel nacional a baixada foi do 8,6%.

Neste sentido, das 221 novas empresas, 219 foron sociedades limitadas, cun capital subscrito total de máis de 4,76 millóns de euros; mentres que só se crearon dúas sociedades anónimas que subscribiron 310.000 euros.

Pola súa banda, a destrución de empresas foi máis acusada en Galicia, mentres que no total español baixou un 14,2%. Destas 55 entidades que desapareceron no oitavo mes do ano, 46 fixérono de forma voluntaria, 2 por unha fusión e 7 por outros motivos.

Ademais, as entidades que aumentaron o seu capital --nunha contía total de case 14 millóns de euros-- son un total de 60, das cales 59 foron sociedades limitadas e unha foi sociedade anónima. Así mesmo, tan só unha sociedade mercantil desembolsou dividendos pasivos, por unha contía total de 499.000 euros.

No lado oposto, as sociedades mercantís que reduciron o seu capital en maio, cun capital subscrito de máis de 6,6 millóns, foron 23.

ESTATAL

A nivel estatal, o número de novas sociedades mercantís caeu un 8,6% o pasado agosto respecto ao mesmo mes de 2018, ata sumar 5.366 empresas, a cifra máis baixa desde agosto de 2015, cando se crearon un total de 5.187 firmas, á vez que as disolucións empresariais caeron un 14,2%, ata totalizar 1.164, segundo os mesmos datos do Instituto Nacional de Estatística.

Co retroceso de agosto, a creación de empresas regresa a taxas negativas tras repuntar un 1,6% en xullo despois de encadear tres meses consecutivos de retrocesos interanuais.

O 19,3% das sociedades mercantís que se crearon en agosto dedícase ao comercio e o 15,4% a inmobiliarias, financeiras e seguros. En canto ás sociedades disoltas por actividade económica principal, o 23,6% pertencía ao comercio e o 16,3% a construción.

Para a constitución das 5.366 empresas creadas en agosto subscribíronse máis de 260 millóns de euros, o que supón un repunte do 4,5% respecto ao mesmo mes de 2018, mentres que o capital medio subscrito, que se situou en 48.472 euros, avanzou un 14,3% en taxa interanual.

Evolución do número de empresas creadas en Galicia.. EPDATA
Evolución do número de empresas creadas en Galicia.. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta