O Pazo do Hórreo, de Facultade de Veterinaria a sede da Cámara galega pasando por cuartel

Este xoves faranse os 30 anos da súa étapa como sede do lexislativo galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2019 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

Este xoves faranse 30 anos da inauguración do Pazo do Hórreo, en Santiago de Compostela, como sede do Parlamento de Galicia, un evento que a Cámara lembrará aos seus visitantes coa proxección dun vídeo que fai memoria do proceso de adquisición, rehabilitación e posta en servizo da edificación proxectada inicialmente como escola de veterinaria.

O 10 de outubro de 1989 tivo lugar a inauguración oficial do Pazo do Hórreo como sede do Parlamento de Galicia, celebración que se fixo coincidir coa última sesión plenaria da segunda lexislatura.

Deputados e funcionarios xa traballaban neste emprazamento desde o mes de marzo anterior, aínda que coas obras sen terminar, xa que se estreou no primeiro debate sobre o Estado da Autonomía, o 14 de marzo de 1989.

Co traslado da sede do Parlamento ao Pazo do Hórreo terminaba unha etapa de provisionalidade que levou á Cámara galega a ocupar anteriormente dúas sedes prestadas: o Pazo de Xelmírez, no que se celebrou a primeira sesión constitutiva, o 19 de decembro de 1981; e o Pazo de Fonseca, sede provisional entre xuño de 1982 e febreiro de 1989.

ESCOLA DE VETERINARIA E EDIFICIO DO EXÉRCITO

O edificio que hoxe alberga o Parlamento de Galicia foi deseñado e construído para albergar unha Escola de Veterinaria, aínda que posteriormente foi destinado a outros usos.

Os terreos sobre os que se construiría a sede da Escola de Veterinaria (estudos que se impartían no Colexio de Fonseca desde 1882) foron comprados polo Concello de Santiago en 1903 e cedidos ao Estado. Sumaban unha superficie de 61.544 metros cadrados, nunha localización elixida por ser un "lugar ventilado", con vertentes contrarias ás da cidade de Santiago, axustándose así ás necesidades pedagóxicas e hixiénicas que se necesitaban.

A primeira pedra da Escola de Veterinaria colocouse o 24 de marzo de 1903, nun acto presidido polo deputado Eugenio Montero Ríos, gran impulsor do proxecto, aínda que as obras non concluíron ata 10 anos despois. Entre 1921 e 1924, a escola compartiu sede coa Misión Biolóxica de Galicia.

Desaparecida a Escola de Veterinaria, no ano 1925 formalízase definitivamente a cesión de todo o edificio ao Exército, que o utilizou ata a segunda metade da década dos oitenta. No ano 1986, a Xunta de Galicia comprou o edificio ao Ministerio de Defensa para convertelo en sede oficial do Parlamento de Galicia.

Inauguración do Pazo do Hórreo como sede do Parlamento de Galicia, en 1989
Inauguración do Pazo do Hórreo como sede do Parlamento de Galicia, en 1989 | Fonte: Parlamento de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta