A valedora pide concretar o prazo de atención aos pacientes que rexeitan os centros concertados

María Dolores Fernández Galiño advertiu de que, "neste momento", "non está definido normativamente un prazo de atención" para estes pacientes, unha cuestión que, na súa opinión, debe ser revisada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2019 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

A valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, considerou necesario que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) concrete o prazo de atención aos pacientes que rexeitan a oferta de recibir asistencia en centros concertados.

Na súa comparecencia na Comisión de Peticións da Cámara galega, a valedora advertiu de que, "neste momento", "non está definido normativamente un prazo de atención" para estes pacientes, unha cuestión que, na súa opinión, debe ser revisada.

"Que se concrete o máximo garantido é un dos obxectivos desta defensoría", manifestou Fernández Galiño, que informou de que este mesmo xoves persoal da institución reúnese con "secretario xeral da Consellería e o director xeral de Asistencia para traballar en solucións" a esta cuestión.

Así mesmo, destacou que a institución tamén busca que as persoas que ingresan nas listas de espera con prioridade tres --por detrás dos niveis 1 e 2-- conten cun "tempo mínimo" no que se lles diga "que van poder ter asistencia", así como un "tempo máximo de espera".

Fernández Galiño incidiu nestas cuestións nunha comparecencia na que chamou a atención sobre o número de queixas presentadas polos cidadáns en materia de sanidade. Un total de 446 asuntos dos que, segundo explicou, "189 son relativos ás listas de espera".

A valedora explicou que, consciente da "importancia" que esta área supón para a poboación, incluíu no seu equipo a "unha técnica con perfil específico médico e xurídico", "coñecedora desde a primeira liña da situación da sanidade".

"PROCESO DE TRANSFORMACIÓN"

Fernández Galiño compareceu por primeira vez ante a Comisión de Peticións, órgano o que indicou que ao longo destes dous meses o seu equipo tentou ser "solución de continuidade" á tramitación das queixas "á vez que se puxo en marcha un proceso de transformación" que xa se materializou nalgunhas actuacións concretas que se incorporarán á memoria de 2019.

Entre elas, citou a introdución na páxina de web do Valedor do Pobo dun apartado específico sobre feminismo o que se incorporan textos de persoas de "recoñecido prestixio na materia que abordan o tema de modo sinxelo e comprensible".

PERSOAS QUE FALECEN SOAS

Ademais, detallou que se iniciaron varias investigacións de oficio relativas a cuestións de "familia, igualdade, menores e violencia de xénero" e destacou que se iniciou outra queixa de oficio sobre as persoas que falecen en situación de soidade non voluntaria.

"Falamos tamén do galego, reunímonos con representantes da Mesa pola Normalización Lingüística, asumindo o compromiso de plena dispoñibilidade para que o contacto e a colaboración sexa permanente", indicou.

ASUNTOS DO RURAL E PECHE DO CENTRO OPERATIVO DE IBERDROLA

Nunha comparecencia na que estivo acompañada pola vicevaledora, María Xosé Porteiro, Galiño tamén debullou os datos da memoria da institución correspondentes a 2018, xa presentados e relativos á xestión da anterior titular Milagros Otero. Respecto diso, destacou que este informe tivo en conta numerosos asuntos relacionados co rural.

Entre outras cuestións, citou as queixas de veciños de Folgoso do Courel (Lugo) polas dificultades para o acceso á telefonía fixa e móbil. "Iniciouse unha actuación coas empresas e resolveuse de modo satisfactorio", manifestou.

Ademais, sinalou que, desde a súa toma de posesión, o Valedor do Pobo fixo un estudo sobre como afectaba na demografía na zona o peche por parte de Iberdrola do Centro de Operación de Conca (COC) da Rúa. "Preparamos a investigación ao Defensor do Pobo e contestounos dicindo que o noso informe lle parecía interesante", indicou.

Todo iso nunha comparecencia na que a Valedora destacou o seu compromiso e o do seu equipo ao asegurar que "non descansan" ata dar unha solución aos problemas que chegan á institución, especialmente cando competen aos dereitos fundamentais das persoas.

A OPOSICIÓN, CRÍTICA CO TRABALLO DA ANTERIOR VALEDORA

Nas súas quendas de palabra, os portavoces dos distintos grupos da oposición coincidiron ao mostrarse críticos coa xestión da anterior titular da institución, Milagros Otero, e celebraron o "proceso de transformación" iniciado pola nova valedora, María Dores Fernández Galiño, e o seu equipo.

En primeiro lugar, o portavoz do Grupo Mixto, Luís Villares, considerou que "parece que hai un cambio moi positivo de actitude na institución" polos temas a tratar tras o que repasou algúns dos temas que se inclúen na memoria.

Así, chamou a atención sobre o elevado número de queixas en sanidade e avisou de que se recoñece de que "existen demandantes de vivenda protexida que cumpren todos os requisitos pero que non son atendidos" mentres "a administración non fai nada, nin de lonxe, para buscar solucións".

Pola súa banda, o deputado do BNG Xosé Luís Rivas 'Mini' considerou que "un dos maiores defectos" que ten a institución é que "é unha gran descoñecida pola cidadanía". "O número de queixas é realmente pequeno para a situación do país", asegurou.

Ademais, en referencia á memoria de 2018, cualificou de "escasas" as actuacións de oficio, especialmente en asuntos que teñen que ver co rural, a sanidade ou o galego. "Desde o BNG animámola a que faga caso da maior parte das indicacións que humildemente lle facemos e desexámoslle que o seu paso pola institución sexa o máis proveitoso posible para a sociedade", manifestou.

"PEOR INFORME"

Pola súa banda, a parlamentaria do Grupo Común da Esquerda Carmen Santos subliñou que o informe elaborado na súa práctica totalidade pola exvaledora é "o peor presentado pola institución no Parlamento".

Con todo, deu a benvida á nova valedora e trasladoulle que "se percibían novos aires" á vista das iniciativas iniciadas para "deixar de deostar" á defensoría galega como, na súa opinión, fixo Milagros Otero.

POSTURA DO PSOE E PP

Na súa quenda, a socialista Patricia Vilán agradeceu que a entrada do novo equipo achegue unha "normalidade" que a institución necesita e felicitou á valedora polas áreas nas que "xa traballa de oficio".

Todo niso nunha intervención na que chamou a atención sobre a tardanza coas que chegan as memorias á Cámara. "Estamos a terminar o 2019 e aínda chega a de 2018", lembrou antes de entrar a opinar sobre cuestións como o elevado número de queixas en sanidade. "Mostran que hai un problema que afecta de forma xeral a toda a Comunidade", apuntou.

INFORME "COMPLETO"

Por último, a deputada do PPdeG, Paula Prado, deu a benvida á nova titular da institución e referiuse a a memoria correspondente a 2018 como un documento "moi completo, crítico coas administracións en aras da defensa dos dereitos da cidadanía".

Paula Prado sinalou que na "evolución das queixas" obsérvase "como cada vez coñécese máis a institución", dato positivo que atribuíu ao "traballo imporantísimo" feito por Milagros Otero para dar a coñecer o Valedor do Pobo no rural.

Ademais, aproveitou para pedir á nova valedora do Pobo unha "análise profunda" sobre as medidas "improvisadas" en materia de transición enerxética que, na súa opinión, está a pór en marcha o Executivo estatal e que "poden provocar a perda de postos de traballo en varias comarcas".

A valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, intervén na Comisión de Peticións da Cámara galega
A valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, intervén na Comisión de Peticións da Cámara galega | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta