Concellos afectados pola descarbonización buscan xuntos solucións para unha transición enerxética "xusta"

Os rexedores acordaron crear unha mesa de traballo común "co obxectivo de paliar os posibles efectos que os peches dos complexos eléctricos poidan ter para os diferentes concellos e comarcas afectadas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2019 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

Oito rexedores de municipios españois afectados pola descarbonización acordaron promover unha mesa de traballo e establecer liñas de traballo conxuntas "en defensa dunha transición enerxética xusta", segundo informan o Concello das Pontes.

No encontro, estiveron presentes o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso; Santiago Dorado, alcalde de La Robla (León); Miguel Fermín Alconchel, alcalde de Los Barrios (Cádiz); José Luís Amérigo, alcalde de Carboneras (Almería); Antonio Cuellas, alcalde de Cubillos del Sil (León); Carmen Arbesú, alcaldesa do municipio asturiano de Langreo; Bárbara Rebassa, alcaldesa da localidade mallorquina de Alcúdia e José García Liñares, alcalde de Cerceda.

No encontro, os rexedores trasladaron a súa preocupación pola actual situación e demandaron "avanzar nun proceso de transición xusta, incidindo na importancia de que se materialice con feitos", sinalan desde o municipio das Pontes, un dos afectados tras o anuncio de peche da central térmica de Endesa.

No transcurso da reunión, os rexedores acordaron crear unha mesa de traballo común "co obxectivo de paliar os posibles efectos que os peches dos complexos eléctricos poidan ter, tanto no ámbito laboral como económico e social, nos diferentes concellos e comarcas afectadas".

Ademais, mostraron a súa intención de crear unha asociación que represente a todos os municipios co obxectivo, ademais, de abrir esta entidade a outras zonas de España afectadas o cesamento da actividade das centrais térmicas, en similares condicións.

Por outra banda, acordaron volver reunirse no municipio de Carboneras "para seguir traballando nesta fronte común en defensa dunha transición enerxética xusta e en defensa do emprego nos seus municipios e comarcas".

Alcaldes afectados pola descarbonización reúnense no Pazo de Mariñán, en Bergondo (A Coruña). CONCELLO DAS PONTES
Alcaldes afectados pola descarbonización reúnense no Pazo de Mariñán, en Bergondo (A Coruña). CONCELLO DAS PONTES | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta