Chega o outono a Galicia cunha fronte fría a partir do domingo

Meteogalicia explica que aínda que os refachos de vento non van ser moi fortes, "non se pode descartar" un aviso por mal tempo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2019 | Actualizada ás 11:13

Comparte esta noticia

Galicia sufrirá este domingo a primeira fronte fría do outono, que deixará choivas xeneralizadas, aínda que máis abundantes no sur, e temperaturas máximas por baixo dos 20 graos na maioría de puntos.

Segundo informan a Europa Press fontes de Meteogalicia, esta primeira fronte "bastante activa" que dará paso a un tempo máis outonal será produto dunha borrasca que este venres se sitúa no medio do océano Atlántico e se irá achegando para o domingo colocarse sobre Irlanda.

Tras un sábado cun tempo de transición, os primeiros ventos intensos e choivas abundantes entrarán polo oeste xa na madrugada e na mañá do domingo. Co paso das horas, iranse desprazando cara ao leste ata cubrir toda Galicia.

En canto aos refachos de vento, aínda que non van ser "moi importantes", haberá breves episodios fortes nas primeiras horas da madrugada, antes de empezar as choivas. Ao longo de todo o día soprarán desde o sur.

"NON SE PODE DESCARTAR" UN AVISO

Aínda que "polo momento aínda non" está declarado un aviso amarelo por temporal, fontes de Meteogalicia matizan que "non se pode descartar" que o fagan. E é que, aínda que non se esperan inundacións, si alertan de que "onde máis se acumularán as choivas" será en Pontevedra, Ourense e o sur da Coruña.

As temperaturas serán "as propias da época do ano", o que significa que se situarán "algo por baixo", entre dous e tres graos menos, das que veñen rexistrando ata o momento. Deste xeito, na maioría de puntos de Galicia as máximas situaranse por baixo dos 20.

A afectación desta fronte bastante intensa podería estenderse á xornada do luns, que terá "características similares", aínda que "igual non con tanta choiva", explica Meteogalicia.

Xa a partir do martes o tempo "tendería a acougarse", pero "non parece" que se vaia dar unha situación de anticiclón para o resto da semana. Con todo, pódese afirmar que "a partir do domingo chega o outono" a Galicia.

Temporal Galicia, vento, choiva, mal tempo. EUROPA PRESS - Arquivo
Temporal Galicia, vento, choiva, mal tempo. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta