Endesa comprométese ante Feijóo a estudar "alternativas" para manter activa a central das Pontes

O conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, mantivo un encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e co o consellerio de Economía, Francisco Conde.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2019 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

O conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, comprometeuse este venres ante o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a estudar "alternativas" para manter funcionando a central das Pontes (A Coruña) cunha actividade polo menos "similar" á que rexistraba, se non pode ser "do cento por cento". Pero si --concretou-- que permita "compensar" e "seguir xerando riqueza e emprego".

Bogas ratificou este "compromiso absoluto" de Endesa en traballar para achar solucións que permitan que a central térmica siga activa en declaracións aos medios na sede administrativa de San Caetano. Tamén incidiu en que hai "dificultades", pero recalcou o "interese" da compañía e o compromiso de "estudar todas as alternativas posibles para levalo a cabo".

O conselleiro delegado de Endesa estivo acompañado durante a súa comparecencia de Feijóo e do consellerio de Economía, Francisco Conde, con quen mantivo previamente un encontro cuxa duración superou as dúas horas e media. O presidente cualificou de "intensa" a reunión de traballo e destacou o "compromiso" adquirido pola empresa, ademais de garantir o apoio da Xunta na procura de solucións, xa que hai 750 empregos en xogo.

Iso si, Feijóo volveu a apuntar ao Goberno central e advertiu que "ten que ser un aliado". "Non pode ser un problema para que a central das Pontes non funcione e nos aboque ao peche", advertiu, antes de lembrar que, para que a térmica poida seguir, é preciso "buscar fórmulas" para que o prezo da tonelada de emisións de CO2 "non faga incompatible o funcionamento da compañía coa súa conta de resultados".

Concentración dos traballadores en Einsa nas Pontes (A Coruña)
Concentración dos traballadores en Einsa nas Pontes (A Coruña)

CHEGAR ATA 2021

O presidente da Xunta remarcou que a planta enerxética das Pontes realizou os investimentos necesarios para adaptarse á normativa europea no que respecta a emisións, e incidiu en que Europa ten neste momento "máis de cen centrais térmicas funcionando con normalidade, operativas, producindo enerxía e xerando emprego".

Neste contexto de "a Europa da transición ecolóxica", Feijóo asegurou que a Xunta entende, do mesmo xeito que o conselleiro delegado de Endesa, que a central das Pontes "ten que seguir funcionando" para o que é necesario "buscar as fórmulas alemás, italianas ou británicas" que posibilitan que as súas plantas térmicas sigan operativas.

"A Xunta está absolutamente comprometida co cambio climático e somos perfectamente coñecedores de que a transición ecolóxica ten que ir por unha diminución do consumo de carbón substituíndoo por outras materias primas e outras fontes de enerxía; pero tamén sabe que, en 2021, a UE comprométese a pór unhas contías moi importantes para esa transición ordenada e xusta. Temos que chegar cunha central operativa ata atopar eses fondos europeos", apelou.

MESA TÉCNICA

Para Feijóo, está "claro" que Endesa ten como obxectivo manter a central operativa e que as 750 familias que dependen de que a actividade continúe supoñen "un motivo moi sólido para que sexa así".

Como tamén "está claro", recalcou, que outros países europeos teñen "as súas centrais térmicas operativas"; e que a de Endesa nas Pontes é unha das dúas plantas de España que "fixeron investimentos para poder seguir traballando".

Así as cousas, apelou a "porse a traballar" e advertiu de que o Goberno "ten que ser un aliado para manter a central funcionando". "Non pode ser o problema", insistiu, antes de manifestar o seu desexo de que, dado que Endesa quere manter a actividade e "está a estudar alternativas", nunha mesa técnica "sólida desde o punto de vista de propostas" póidanse concretar solucións.

En concreto, remarcou que nos próximos anos hai que avanzar cara a unha diminución de carbón substituíndoo por outras materias primas; unha baixada das emisións de CO2; e volver "dar seguridade e estabilidade á compañía e ás familias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta