Temas: PESCA

Galicia contará cun plan de acción de pesca costeira artesanal con horizonte 2030

A conselleira do Mar anuncia que esta "verá a luz" no 2020 e con ela atenderanse "as peculiaridades" deste tipo de frota.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2019 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou este venres o compromiso da Xunta co sector da pesca artesanal e sinalou que Galicia contará cun plan de acción para este sector con horizonte 2030.

Barco de pesca artesanal
Barco de pesca artesanal | Fonte: Instituto de Investigacións Mariñas - CSIC.

Esta ferramenta, dixo a conselleira, "verá a luz" no 2020 e con ela atenderanse "as peculiaridades" deste tipo de frota.

Quintana tamén detallou no mesmo marco que o plan involucra a un colectivo de máis de 6.500 persoas que faenan nas preto de 4.000 embarcacións de artes menores con porto base en Galicia e que conta con 143 millóns de euros procedentes do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, sen contar coa previsión de que o novo fondo some axudas.

Ademais, engadiu, esta folla de ruta atende aspectos como a gobernación e xestión pesqueira, a investigación, a mellora do sector e a avaliación das pesqueiras, a conservación do medio mariño e a eficiencia da frota. A diversificación de actividades, a comercialización, o procesado dos produtos do mar e a súa promoción, difusión e imaxe, así como o patrimonio cultural marítimo-pesqueiro son outros aspectos que contempla o plan.

En relación ao concepto de pesca artesanal, a conselleira vinculouna á "pesca sustentable", un "novo concepto xa coñecido polo sector". Unha pesca sustentable, indicou, "que é eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento, que fomenta a competitividade e a viabilidade das empresas do sector coa inclusión da pesca costeira artesanal e que prioriza a mellora das condicións de seguridade no traballo".

Neste contexto, dixo Rosa Quintana, "sempre foron e seguirán sendo fundamentais para Galicia os fondos europeos destinados ao sector marítimo-pesqueiro". De feito, lembrou que, de cara ao novo fondo 2021-2027, Galicia fixa entre as súas liñas prioritarias a pesca artesanal. Ademais, engadiu, Galicia demanda que "dea resposta real ao cumprimento dos obxectivos marcados pola Política Común de Pesca" e máis "apoio público directo".

Dentro da pesca sustentable, Rosa Quintana fixo referencia ao bonito e lembrou que, por segundo ano consecutivo, Galicia demandou no mes de agosto o incremento da cota desta especie por ser un recurso que se atopa en boa situación biolóxica. "Tamén solicitamos unha mellor xestión para que a campaña se prolongue como mínimo ata setembro, como viña sendo habitual", engadiu.

Temas: PESCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta