Enfermeiras en Loita esixe "transparencia": "Deixen de enmascarar a realidade e miren pola Sanidade"

O colectivo esixe a Sanidade a fin dos "contratos fraudulentos" á entrada dos centros de saúde e hospitais do Sergas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/10/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O colectivo Enfermeiras eventuais en Loita vén de reunirse un mes máis ás portas dos hospitais e centros de Saúde do Sergas para reclamar "transparencia no sistema de contratación". Estas concentracións lévanse producindo varios meses ao abeiro da campaña '12 meses, 12 loitas'.

Protesta de Enfermeiras eventuais en loita fronte a un centro de saúde
Protesta de Enfermeiras eventuais en loita fronte a un centro de saúde | Fonte: Enfermeiras Eventuais en Loita

 

As Enfermeiras en Loita leron este venres un comunicado no que apelan directamente ao conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, ao que lle esixen tres liñas básicas de actuación: a publicación dos datos reais sobre a totalidade dos profesionais do Sergas, a publicación e actualización automática das necesidades de cobertura e as súas condicións e a implantación dun sistema de noticicacións das adxudicacións efectuadas.

 

"Fartos de tanto erro na contratación", o colectivo pide a fin dos "contratos fraudulentos": "non se dan baixas cando xorden, senón cando interesan; cúbrense días soltos; fanse vacacións de compañeiros con acúmulos de tarefas, modifícanse carteiras segundo necesidades do servizo ou día a día...". "Xa estamos fartos", sentenzan.

 

"DEIXEN DE ENMASCARAR A REALIDADE"

 

Tapadas con máscaras brancas á entrada dos hospitais, as enfermeiras quixeron transmitir que debaixo desa máscara, "hai persoas, nais, pais, fillos e fillas. Hai amigos e moitas datas sinaladas. Tamén hai enfermidade. Estas máscaras ocultan vocación, moitísimas horas de experiencia e formación. Sorrisos, pero tamén momentos de estrés, nervios e bágoas", leron durante o manifesto.

 

Esas máscaras que portaron na mañá deste venres tamén simbolizaban a opacidade e a falta de transparencia contra a que loitan. "Deixen de enmascarar a realidade, a nós xa non nos enganan, e miren pola sanidade, que é de todos!", berraron ao tempo que deixaban as caras descubertas. "Transparencia xa!" foi o último alegato.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta