Cando o "ourensanismo" é sinónimo de caciquismo

Leo nos xornais do país que os traballadores da Deputación de Ourense, a título particular, 600 deles xuntáronse e remexéronse arredor de quen tanto ben lle leva feito: José Luis Baltar.

Por Xoán Vázquez | New Jersey, USA | 31/05/2012

Comparte esta noticia

Seica precedía o ágape un cartel ao estilo dos Kim Il Sung e mailos outros queridísimos lideres das esterqueiras da humanidade: “Baltar sempre Ourense”. Así de claro e sinxelo. Lacónico coma un berro. Con marcada vocación de invocar o eterno. Feito para ser embalsamado na conciencia colectiva, tal un credo.  “Baltar sempre Ourense”. Ou sexa, Baltar e Ourense son un. Non hai distincións, non hai institucións. Non hai unha sociedade civil constituída por cidadáns soberanos e organizados en vida democrática cunhas institucións dignas e representativas desa soberanía. Hai un culto á persoa de Baltar, Cosa Nostra amparada polo aparello legal. Hai festa nocturna de vasos erguidos na casa maior da Granxa dos Animais, onde aqueles que xa desprendidos das últimas migallas de dignidade se entregan á depredación e rapina das súas propias aldeas vilas e cidades, con voráxine inmesurable. E hai todo canto se poida extrapolar dese baleiro moral unxido de traizón.   

Coincide a exaltación da figura do Queridísimo Líder coa investigación que a Unión Europea está a realizar no principado, onde o fedor a corrupción é de tal magnitude que xa está chegando a Bruxelas. A Deputación de Ourense,  paradigma de corrupción, usurpación e submisión, testemuña da desaparición do cidadán libre e a súa substitución polo súbdito amansado, volve ser noticia, para maior desgraza de tódolos galegos. E coinciden eses eventos co frenesí de contratacións de cachorros adestrados (tanto polo pai como polo fillo) no que vai de ano. Nestas épocas tan difíciles, cando diñeiro público nin dá para aliviar as necesidades máis vitais, os cartos da sufrida cidadanía ourensá dedicados a pagar favores políticos contratando fillos e familiares dos deputados  que co seu voto garantiron a sucesión dinástica baltariana. A iso cadaquén que lle chame o que os seus principios, valores e conviccións lle permitan; para min só cabe a palabra traizón, mesmo aínda chamarlle terrorismo se me amosa un despropósito menor: O baltarismo é ostracismo. Os baltarianos exclúen, por completo, ao resto da poboación. Sendo iso reminiscencia das manías proetarras, que outra cousa se lle pode chamar? Diciamos que esto ten matices de algunhas formas de terrorismo, ollemos: amañar as oposicións á función pública é unha forma de terrorismo; cando os opositores que non comungan co PP teñen que vivir nun estado de pánico, iso é terrorismo; utilizar o diñeiro público para postos inventados, completamente improductivos, alleos ao ben común namentres a poboación sufre calamidades, iso si é terrorismo. Hai moitas formas de terrorismo, é hora de identificalas e enfrontalas, todas, tamén ás máis disimuladas, que se cadra, por iso as máis daniñas.

Aínda cando entendo perfectamente que na contextura macroeconómica do conxunto de Galicia as desfeitas baltarianas significan moi pouco, os puntos negros nos vieiros da ética institucional todos fan perigar a liberdade individual, logo, a acción correctiva amósaseme un imperativo moral. Mesmo, é imposible o desenvolvemento económico, social e cultural nun mundo sometido á dictadura do medo cuxo berce  é precisamente o seo institucional. Ese é o miolo da forza destructiva do baltarismo.        

Parafraseando a Thomas Jerferson - xigante da democracia onde os houber -  a cidadanía ten o dereito, e aínda  o deber, de enfrontarse ao seu propio goberno se é que este se der esquecido que os cidadáns somos moito máis ca simples súbditos, espectadores das megalómanas farras. Mentres os súbditos non teñen soberanía de seu, sobre nada, nin tan sequera sobre eles mesmos, o cidadán é sinónimo de soberanía, en tantas cantas maneiras definila queiramos. A verdadeira soberanía reside e descansa en cada cidadán.  Non hai dereitos máis indelebles cós investidos en cada cidadán. Sen iso poden haber gobernos máis ou menos represivos ou máis ou menos tolerantes, instrumentos legais, mais non auténticas manifestacións dos valores dun pobo soberano, representado e gobernado por institucións froito da expresión colectiva desa soberanía individual. Sen iso hai, en conclusión, a desfeita por antonomasia: o Ourense baltariano, caciquil e miserento.

A soberanía individual ten un prezo, a iso aludía Jeferson, e ese prezo nunca foi barato. Barato, non, pero a alternativa é moito máis cara, e iso sabémolo moi ben os galegos. A liberdade hai que ganala, e unha vez ganada, preservala defendéndoa sen complexos e sen horarios. Mais antes de que alguén incorra no erro de pensar que agora se me dá por andar de Che Guevara, para o que non teño vocación, intencións, e aínda moito menos esoutras cousas que por aí riman, velaí a cita de Jeferson tal foi deitada "What country can preserve its liberties if its rulers are not warned from time to time that their people preserve the spirit of resistance?”.  

O espírito de resistencia, ese é o miolo da cuestión, central á preservación da democracia, canle neurálxica da liberdade e prosperidade. E en Ourense o espírito de resistencia desapareceu, por completo. Engulido pola insaciable pantera, paulatinamente desapareceu da maneira máis insidiosa. A derrota –ou victoria, segundo quen mire – foi total. É de tal magnitude a victoria caciquil que xa nin sequera a xuventude universitaria se resiste á dictadura branda da dinastía baltariana. Xa todos se entregan a misericordia do Gran Cacique, á agarda das migallas que poidan caer das mesas dos servos privilexiados. A envexa, que xa non a repugnancia, estoupa nos ollos dos miran, e soñan con engadirse á gran orxía: A gran arela, o hedonismo. Velaí a derrota total. Velaí a ausencia dunha cidadanía. Velaí a servidume. Velaí un renunciar a Ser.    

O culto ao individuo é a manifestación última da corrupción, o punto irreversible. En Ourense as institucións non fan nada, o pouco que se fai faino Baltar: Velaí o “Baltar sempre Ourense”; velaí a figura do cacique suplantando as institucións. Velaí o baleiro moral.  Pois claro que é certo que en Ourense hai moita xente que ven con absoluto desprezo a desfeita caciquil, pero tamén é certo que viven en absoluto silencio, sen espírito de resistencia. Incluso nos sectores progresistas a afouteza é case inexistente.  Onde está a desobediencia civil? Onde están as manifestacións incesantes e paralizantes que forcen transparencia nas oposicións? Onde está a esixencia permanente e irrenunciable de baleirar tódolos postos da deputación e sometelos a novas oposición, libres do lastre do nepotismo e con garantías da súa utilidade?  Onde está o cidadán soberano? E onde está a solidariedade dos votantes do PP no resto de Galicia que seguen sen facer uso do voto protesta, tolerando así a destrucción e ruína do noso entrañable Ourense?  Nunca me oirán a min cuestionar a lexitimidade de ningún partido político democrático, a esencia mesma da democracia pasa polo pluralismo, pero o PPdeG, no seu conxunto, non pode desvincularse desa mafia que baixo as súas siglas segue a depredar Ourense. O PPdeG ten unha responsabilidade indelegable de intervir, ata as últimas consecuencias. A pasividade do PPdeG é absolutamente impresentable.

Nunha sociedade democrática, constituída por Cidadáns, que xa non simples súbditos, o que está a acontecer en Ourense, nunca, de ningunha maneira, sería tolerado, e aínda moito menos polo partido cuxas siglas escudan aos usurpadores. Nestas desfeitas, nestes insultos, nestes amañes mafiosos, corruptos e condescendente a cidadanía non está exime de responsabilidade, e non abonda con dicir que non hai recurso legal,  posto que hai precedentes na Lei Común Galega moi anteriores –feixes de séculos- á Normativa legal vixente na que se ampara o principado,  que poden e deben ser utilizados para evitar a rapina e saqueo que segue arruinando, aínda máis, a ese anaco do país onde  xa a metade da poboación está apisoada pola pobreza: A Lei da Carballeira. Nosa, efectiva, e necesaria; de ser utilizada con xustiza, case infalible. Porque se o futuro é a zarangallada caciquil baltariana, o futuro xa está aquí: pobreza, emigración, submisión e obediencia; ou sexa, pouco máis ca cans de palleiro a agarda das catro frangullas que poidan caer da mesa dos ágapes dos usurpadores.

Que ninguén esqueza que alí onde hai voitres é porque hai carnaza. Logo, pode que o problema sexa a carnaza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/