Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/10/2019 | Actualizada ás 15:54
A coalición En Común apela a votar nas eleccións xerais do próximo 10 de novembro para que "quen non durman polas noites sexan os que mandan e machucan as condicións de vida" dos "traballadores pobres", os "que teñen unha pensión de menos de 600 euros", as "mulleres invisibles" ou "os estudantes que non poden pagar a matrícula".
En Común-Unidas Podemos presentou este luns a súa candidatura para a cita coas urnas nun acto no que estiveron presentes os cabezas de lista ao Congreso polas catro provincias —Yolanda Díaz (Pontevedra), Antón Gómez-Reino (A Coruña), Vanesa Somoza (Lugo) e David Bruzos (Ourense)—. 'Conta connosco' é o lema electoral elixido pola expresión galega de Unidas Podemos.
Díaz tirou da frase coa que o presidente do goberno en funcións e candidato socialista, Pedro Sánchez, xustificou a súa oposición a que non entrasen no goberno membros de Unidas Podemos para reivindicar que "o país necesita un cambio profundo".
"Quen non teñen que durmir polas noites son os que mandan", incidiu a ferrolá, que fixou como un dos obxectivos principais da candidatura é conseguir a derrogación da reforma laboral. "Se non a derrogamos, a xente vai durmir na miseria", incidiu Díaz.
Tras reivindicar as "vimbias" dunha candidatura composta "por xente moi solvente", apelou a situar Galicia "no centro do debate político". "Pedro Sánchez leva 480 días (como presidente) en funcións e sen elas, e aínda non dixo a palabra Galicia", incidiu Díaz, que alerta de que, con esta repetición electoral, o PP e o PSOE "soñan" con "volver ao bipartidismo".
"Algúns en Moncloa e fóra dela soñan con volver a antes do 15M", engadiu antes de asegurar que "a xente non quere políticas do século XX, do branco e negro. A xente quere diálogo", incidiu Yolanda Díaz.
Pola súa banda, Antón Gómez-Reino resaltou que, a pesar da "irresponsabilidade" do PSOE, a nova cita coas urnas supón "unha oportunidade" para "consolidar o voto progresista" en Galicia e que o país "sexa clave no debate político". "Imos demostrar o que todo o mundo sabe, que pode contar connosco", apostilou o tamén líder de Podemos Galicia.
Para a cabeza de lista por Lugo, Vanesa Somoza, o proxecto de En Común encara con "moita forza" unhas eleccións que se producen nun "momento moi difícil". "Os problemas da clase traballadora son os nosos problemas", engadiu.
Por último, o número un por Ourense, David Bruzos, expresou o seu "orgullo" por formar parte dunha candidatura "comprometida" con levar ás institucións a necesidade de que se produza "un cambio" na forma de facer política.
RESTA IMPORTANCIA Á DIVISIÓN DE VOTO
Yolanda Díaz restou importancia á división de voto entre as formacións de esquerda, que suman unha nova opción política coa candidatura de Más País, que se presenta unicamente pola Coruña e Pontevedra coa cofundadora de Podemos Carolina Bescansa como referencia.
"A nosa forza está consolidada. A campaña do 28 de abril foi difícil porque viñamos dunha ruptura dunha forza que si estaba conslidada", manifestou Díaz, que expresou o seu "respecto" ás forzas que concorren en Galicia que, segundo lembrou, "son menos" que nas pasadas eleccións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.