Institucións e xornalistas colaboran para transmitir "unha imaxe digna" das persoas sen fogar nos medios

"A rúa é un mundo sen luz", existen estereotipos e todo o mundo pensa que "a eles non pode pasarlles"

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 16/10/2019 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

Cruz Vermella e xornalistas, xunto coa Xunta de Galicia, colaboraron para crear unha guía de recomendacións que axude a transmitir unha "imaxe digna e apropiada" das persoas que se atopan en situación de sen fogar á hora de informar os medios de comunicación.

Este breve manual de consellos para os profesionais da información foi presentada este mércores pola conselleira de Política Social, Fabiola García, a presidenta de Cruz Vermella Galicia, Carmen Colmeiro, e o coordinador da publicación, Luís Pardo.

Á cita, que reuniu a xornalistas de diversos medios con presenza en Galicia, tamén acudiu o ilustrador da guía, Miquel Fuster, un debuxante que ademais de retratar a realidade de rúa foi parte dela durante 15 anos e coñece de primeira man os mitos e verdades do sen fogar, segundo relatou.

O obxectivo principal desta iniciativa céntrase en "ofrecer aos medios" unha "ferramenta" que poida "axudar no traballo xornalístico" a tratar ás persoas que se atopan en situación de sen fogar, sintetizou Pardo. "Moitas veces os condicionantes" da profesión (tempo, espazo, linguaxe) dificultan un bo tratamento das informacións neste ámbito, explicou. O que esta guía pretende é que o xornalista teña en conta "o contexto" e, sobre todo, aprenda a "como contar" este tipo de historias.

DATOS DE CONTEXTO

Para cumprir con esta meta, é necesario ter en conta os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), que mostran que en 2017 Galicia cifrou en 1.243 as persoas que se atopan en situación de sinhogarismo. A capital galega sitúase como a cidade máis afectada por esta problemática, xa que 2,59 de cada 10.000 habitantes sofren estas circunstancias "que non son categóricas", apunta Pardo, "non é como ser alto ou baixo".

A taxa de persoas sen fogar é menor en Lugo (1,71); A Coruña (1,31); Pontevedra (1,20); Ferrol (0,88) e Ourense (0,39). Con todo, a existencia destas estatísticas segue requirindo esforzos que, en Galicia, concéntranse no Plan de atención ás persoas sen fogar.

Neste sentido, a conselleira destacou que esta é unha das "grandes preocupacións da Xunta de Galicia" e por iso destinará "73 millóns de euros" para medidas concretas nesta materia de 2019 a 2023 e subliñou "a importancia das palabras e da autocrítica".

TESTEMUÑO

Escoitar entra dentro das recomendacións que inclúe esta guía, sinala Luís Pardo, "convertelos en suxeitos e non en obxectos" para "cazar clics" na información. O testemuño de Fuster serviu para humanizar estas circunstancias. "É o momento no que se che rompe a vida", afirma. "A rúa é un mundo sen luz", existen estereotipos como que "é o lugar dos vagos e dos borrachos" e todo o mundo pensa "que a eles non lles pode pasar", engade.

Ao seu xuízo, o que busca unha persoa sen fogar é "pasar desapercibido", "esconderse" por dous motivos. Para non ter que afrontar "no que un se converteu" e para "evitar agresións" procedentes dos que están na mesma situación e as de "algunha xente movida pola maldade"; segundo os autores da guía, teñen a súa orixe na aporofobia, o medo, rexeitamento e aversión ás persoas pobres.

Trátase de "empatizar" coa persoa que está en fronte, entender a "dureza" das circunstancias, fomentar a "información en positivo" e asumir "a responsabilidade" de concienciar a nivel social, destacan os implicados.

Presentación da guía de recomendacións aos medios de comunicación para informar sobre os sen fogar. XUNTA
Presentación da guía de recomendacións aos medios de comunicación para informar sobre os sen fogar. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta